Os concelleiros populares aclaran que “non votamos en contra de aumentar o salario ás coidadoras do comedor escolar, simplemente non votamos ese asunto porque non dispoñíamos de toda a documentación”
Burela, 5 de outubro de 2023. O PP condena que “a alcaldesa se centre máis en trata de desprestixiar ao Partido Popular que en xestionar debidamente o Concello de Burela”. Así o expoñen tras comprobar que “mentiu sobre o posicionamento do PP en relación a unha proposta que o equipo de goberno levaba ao último pleno”.
En calquera caso, “non votamos en contra”. De feito, “tal e como se pode comprobar na gravación do pleno (https://youtu.be/4RS0O00EJ6s?t=4796) a propia rexedora explica que non votamos. Nin a favor, nin en contra, nin abstención porque, ao non dispoñer da documentación completa sobre o asunto, non estabamos en disposición de adoptar un posicionamento concreto para que o noso voto fora xusto”. Os populares recordan que estaba relacionado coa “regularización dos pagos ás traballadoras que unha sentenza xudicial do ano 2015 dicía que lles tiña que facer o Concello, pero que fixo de forma incorrecta”.
Os populares inciden en que “é incrible este comportamento por parte da máxima representante dun Concello, e máis especialmente cando nun primeiro momento aseguraba ter a vontade de tender a man a tódolos grupos”. Ademais, consideran que “tanto as declaracións da representante do PSOE coma as do representante do BNG criticando ao PP teñen como obxectivo intentar desviar a atención da incapacidade do bipartito para gobernar Burela”.
RIGOR NA DOCUMENTACIÓN ADMINISTRATIVA
Os concelleiros do PP de Burela defenden “o rigor” na xestión municipal e, polo tanto, considérana “imprescindible na documentación administrativa”. Dun decreto da alcaldía despréndese que existe un recurso de súplica en relación a unha sentenza sobre este asunto, “pero ante a pregunta do Grupo Municipal Popular por esa documentación xa na comisión informativa que se celebra antes do pleno e que estaba presidida pola alcaldesa, díxosenos que non constaban eses documentos”. Posteriormente, “no propio pleno recoñeceuse que si existían e, polo tanto, non podíamos votar un asunto sobre o que falta información clave: sería inxusto”.
Dende o PP condenan que “non é a primeira vez que este equipo de goberno leva expedientes ao pleno sen toda a documentación”. De feito, xa se ten celebrado un pleno extraordinario para abordar un asunto incluído na orde do día dun pleno ordinario pero sen contar co expediente completo que permitise analizar debidamente o tema.