O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, estivo esta mañá, ás 07:30 horas, nas rúas afectadas e comprobou como as queixas dos veciños son certas ao haber varias rúas sen luz
Barreiros, 18 de outubro de 2023. Os veciños de San Pedro de Benquerencia levan uns dez días sufrindo problemas co alumeado público, existindo zonas nas que este servizo público non se presta dende hai máis dunha semana.
O voceiro do PP de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, achegouse a esta zona en canto tivo coñecemento deste problema e comprobou como efectivamente hai deficiencias co alumeado público.
Explica José Manuel Gómez Puente que esta mesma mañá “achegueime a rúa Sarxéndrez e varías rúas da contorna, sobre as 07:30 horas, e comprobei por min mesmo como non hai ningún tipo de iluminación pública”.
Ademais da rúa Sarxéndrez hai outras zonas, como as proximidades da praia de Fontela, nas que tampouco funciona o alumeado público.
“Non sabemos con exactitude os motivos de que haxa moitos farois sen luz, se non reciben subministro eléctrico ou as lámpadas están fundidas, pero a realidade é que hai un déficit de alumeado dende hai máis dunha semana o que pon de novo de manifesto o deixamento do goberno local de Barreiros por solucionar os problemas reais e diarios dos veciños xa que a falta de alumeado o que provoca é unha sensación de inseguridade importante”, denuncian.
Por este motivo, dende o Partido Popular de Barreiros solicita ao goberno local que axilice a renovación da iluminación en rúas con déficit de alumeado “porque non é de recibo que haxa rúas con mala ou escasa iluminación”.
Ademais, os populares consideran que sería preciso realizar un estudo da iluminación para detectar aquelas zonas nas que haxa problemas co alumeado público e poder corrixir así as deficiencias en aras a mellorar a seguridade e garantir a visibilidade.