Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén pasa á 3ª ronda da Copa da Raíña ante un moi motivado Intersala10 (1-6)

As vixentes Campioas da Copa da S.M. a Raíña xogaron en Zaragoza ante un equipo de categoría inferior que fixo fronte ao equipo mariñano durante os 40 minutos

Burela, 11 de outubro, 2023. O Pescados Rubén Burela FS cumpriu cos prognósticos e estará na próxima rolda da Copa da Raíña despois de eliminar sen demasiados apuros ao Wanapix Aldelis Intersala 10 Zaragoza (1-6), un equipo de Segunda División. As burelistas, vixentes campioas do torneo copeiro, dominaron o encontro disputado en terras zaragozanas de principio a fin, facendo valer a súa categoría superior. Aínda así o equipo maño fixo fronte con moita enteireza, bos roubos e oportunidades que non conseguiron subir o marcador máis que un gol, pero que nos mostrou a un equipo moi competitivo e motivado.

No minuto 2 despega Irene Samper abrindo o marcador ante o equipo que lle deu as ás para medrar ata hoxe, un gol de rexeite tras dar no pau, que debeu ser moi especial tanto para ela como para o conxunto maño. No minuto 5 o Intersala sorprende e empata o encontro cun gol de Vicepi tras unha asistencia de Mariña, pero segundos despois Antía volve adiantar o marcador para as burelás cun gol tras un saque longo de Jozi que cae en pés de Patricia que lla deixa para que a xogadora viguesa chegue pola banda a portería rival e consiga o 1-2. O último gol do primeiro tempo será obra de Cami, que tras unha asistencia de Cilene dispara de forma frontal desde o bordo da área.

Na segunda parte sae Caridad a portería. De novo repítese a mesma dinámica que na primeira parte, no minuto 1 Irene Samper volve metela entre os paus da portería do seu equipo natal. Entre os minutos 26 e 28 o Interesala presiona notablemente ao Burela FS pero non logra o tanto. No minuto 31 chega o 1-5 cun golazo de Antía, un canonazo lonxano. A partir de entón o conxunto de Fernando López Lapuente comeza a atacar de cinco, pero no minuto 36 Marta Ibáñez remata o encontro cun gol en propia meta de rexeite tras un disparo afastado de Emilly desde a súa cancha a porta baleira, que redirecciona Marta cara á portería.

O Pescados Rubén Burela FS pasa á 3ª rolda da Copa de S.M. a Raíña non sen antes xogar este sábado en Vista Alegre ante o CD Leganés FSF na 5ª xornada de Liga. Unha semana con moitos partidos que non deterá o bo ritmo das Guerreiras de Julio Delgado.

Ficha Técnica Wanapix Aldelis Interesala10 Zaragoza 1-6 Pescados Rubén Burela FS

Wanapix Aldelis Interesala10 Zaragoza (1): Carol; Judith, Marta Ibáñez, Andrea García, Carol Recuero – quinteto inicial – Vicepi, Lucía Guillén, Paula Pérez, Nerea, Ana Mazas, Marina Escaño, Andrea García (P) Entrenador: Luis Fernando López Lapuente

Pescados Rubén Burela FS (6): Jozi Oliveira; Irene Samper, Rafinha, Noelia Montoro, Emilly – quinteto inicial -, Cilene (C), Cami, Jenny, Antía Pérez, Patricia, Caridad (P). Entrenador. Julio Delgado.

Goles: 0-1, min.2: Irene Samper. 1-1, min. 5: Vicepi. 1-2, min 5: Antía Pérez. 1-3, min 8: Cami. 1-4 min. 21: Irene Samper. 1-5 min. 31: Antía Pérez. 1-6 min. 36 Marta Ibáñez (PP)

Árbitros: Izan Torner Conejos, Eduardo Sierra Gimeno, Nerea Camargo Santolaria.

TA: Antía Pérez.

Exit mobile version