Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela suma o seu segundo triunfo da tempada ante un ordenado Leganés (4-1)

Os burelistas tiveron que traballar e madurar o partido para darlle a volta na segunda metade ao tanto inicial do branquiazul de Manu García

Burela, 21 de outubro, 2023. O conxunto masculino do Pescados Rubén Burela conquistou a súa segunda vitoria da tempada nun traballado partido diante dun Club Deportivo Leganés (4-1) que se defendeu con moita orde e non capitulou ata ben entrada a segunda metade.

O conxunto burelista monopolizou a posesión e as ocasións de gol diante dun rival que buscaba defenderse a media pista e crear perigo saíndo á contra. O plan funcionoulles durante gran parte do primeiro tempo, grazas ás intervencións de Óscar de la Faya nas escasas ocasións de perigo que foron capaces de crear os de David Rial. E mesmo lograron poñerse por diante os madrileños no minuto 11 tras un bo contragolpe que finalizaba Manu García.

Con todo, lograron responder rápido os da Mariña, que igualaban tres minutos máis tarde nunha acción de estratexia que botaba Isma e remataba Álex García. Antes do descanso, o guion mostrouse inalterable, cos pepineros defendéndose ben atrás diante dun Burela que tentaba madurar as xogadas para achegarse ao marco visitante.

No segundo tempo non se moveron as posicións dos conxuntos, pero os mariñaos lograban poñerse rápido por diante grazas a un disparo do canteirán Jorque Quelle que tocaba en Javi e despistaba a Óscar de la Faya. A pesar de verse por detrás no electrónico, os de Rubén Barrios seguiron esperando a media pista e non foi ata o 34, nunha acción na que os de Leganés foron a presionar arriba, cando un desequilibrio atrás foi aproveitado por Isma para encarar ao meta visitante e cederlle ao seu homónimo Ismael, que anotaba o terceiro no segundo pau.

No últimos tres minutos tentarían reducir distancias os visitantes con Dani Coloreado de porteiro-xogador, pero os burelenses defendéronse moi ben e mesmo o meta internacional polaco Kaluza, a segundos do final, conseguía subir o cuarto para a conta local cun lanzamento desde a súa propia área.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 4-1 CD Leganés

Pescados Rubén Burela FS (4): Kaluza; Lucho, Isma, Álex García, Malaguti -quinteto inicial-, Ismael, Charly, Alberto Mirás e Quelle.

CD Leganés (1): Óscar de la Faya; Javi, Manu García, Juanma, Pablo Ibarra -quinteto inicial-, Chicho, Manu Diz, Miguel, Dani Colorado e Bertín.

Goles: 0-1, min. 11: Manu García. 1-1, min. 14: Álex García. 2-1, min. 24: Quelle. 3-1, min. 34: Ismael. 4-1, min. 40: Kaluza.

Árbitros: Bravo Sarango e Otamendi Lascarro (Navarra). Amonestaron aos burelistas Isma e Lucho, así como aos pepineros Juanma e Pablo Ibarra.

Incidencias: Encontro da 5ª jornada da Segunda División masculina disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 700 espectadores. Gardouse un minuto de silencio pola morte de Álvaro Prieto, futbolista xuvenil do Córdoba CF.

Exit mobile version