Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela segue sen arrincar a domicilio e cae pola mínima en Melilla (4-3)

Os mariñaos adiantáronse por mediación de Malaguti, pero foron a remolque durante boa parte da segunda metade e acabaron perdendo cun penalti moi rigoroso a favor do Melistar Futsal no treito final

Burela,  14 de outubro, 2023. O conxunto masculino do Pescados Rubén Burela segue sen carburar a domicilio e suma a súa segunda derrota lonxe da Mariña tras caer na visita ao Melistar Futsal (4-3), un recén ascendido que lle puxo moi difíciles as cousas aos discípulos de David Rial.

O duelo entre burelistas e norteafricanos foi moi igualado e aos dous conxuntos custoulles impoñer o seu xogo, aínda que empezou algo mellor o Pescados Rubén, que se adiantou no minuto 9 cunha gran volea de Malaguti á saída dun saque de banda. O benaventano pegoulle con todo e Gonzalo Puebla, aínda que tocou o balón, non puido desvialo o suficiente para evitar o tanto.

Responderon a catro do intervalo os melillenses, que aos poucos gañaran presenza preto da meta de Kaluza. Unha gran acción de Vitinho pola á esquerda remataba cunha parede con Nico Rolón que non podía rematar no corazón da área, pero quedáballe franca a Spellanzon para bater ao meta polaco. Non se volvería a mover o electrónico ata o segundo tempo.

Nos últimos 20 minutos, os pícaros foron durante moitos minutos por detrás, ata consumar a súa terceira derrota da presente campaña. O Melistar poñíase por diante por primeira vez grazas a un disparo cruzado desde o costado esquerdo de Wallace que sorprendía a Kaluza. Respondía ao pouco tempo Ismael, aproveitando a inferioridade norteafricana pola expulsión de Nico Rolón.

Con todo, as sensacións dos mariñáns seguían sendo non demasiado boas e Iván Fernández, tras unha perda de Flethes, batía a Kaluza cun disparo que se coaba pola escadra. De novo volvía poñerse por detrás o Pescados Rubén e agora era Lucho o que igualaba no minuto 32 ao recoller na área o rexeite dun disparo de Ismael.

Co partido sen dono, o Melistar pescaba a vitoria nunha acción na que os colexiados sinalaban penalti de Ismael nun agarrón máis que livián. Spellanzon non perdoaba diante de Kaluza e o Burela tentou rabuñar polo menos un punto con Ismael, primeiro, e Lucho, despois, como porteiros-xogadores. Tiveron os de David Rial dúas boas ocasións en superioridade, pero os remates de Lucho e Malaguti nos últimos 20 segundos fóronse ás nubes.

Ficha Técnica Melistar Futsal 4-3 Pescados Rubén Burela FS

Melistar Futsal (4): Gonzalo Puebla; Javi Sánchez, Osawa, Claudio, Wallace -quinteto inicial-, Nico Rolón, Nacho Gil, Pablo González, Spellanzon, Iván Fernández e Vitinho.

Pescados Rubén Burela FS (3): Kaluza; Isma, Charly, Álex García, Malaguti, -quinteto inicial-, Ismael, Flethes, Alberto Mirás, Lucho, Nico Rosental e Mika (ps).

Goles: 0-1, min 9: Malaguti. , 1-1, min. 16: Spellanzon. 2-1, min. 25: Wallace. 2-2, min. 27: Ismael. 3-2, min. 30: Iván Fernández. 3-3, min. 33: Lucho. 4-3, min. 38: Spellanzon, de penalti.

Árbitros: Cañas Mañas e Quintero Carrión (Castilla y León e Andalucía). Expulsaron por dobre amarela no minuto 26 ao local Nico Rolón. Tamén amonestaron aos melillenses Pablo González, Yiyo (ps), Osawa, Spellanzon, e Wallace, así como aos visitantes Charly e Malaguti

Inicidencias: Encontro da Segunda División de fútbol sala disputado no pavillón Javier Imbroda de Melilla.

Exit mobile version