Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela endósalle un set a un superado Leganés Masdeporte (6-0)

As burelistas resolveron o partido pola vía rápida e no minuto 16 xa vencían por 4-0 grazas a un dobrete de Irene Samper e aos tantos de Noelia Montoro e Patricia. Completaron a goleada Emilly e Antía.

Burela, 14 de outubro, 2023. O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela cumpriu cos prognósticos e impúxose sen demasiados apuros a un CD Leganés Masdeporte voluntarioso, pero que sufriu moito para parar as acometidas das burelistas, sobre todo durante o primeiro tempo.

Despois da viaxe a Zaragoza e o partido copeiro diante do Winapax Intersala 10 Zaragoza, as futbolistas preparadas por Julio Delgado quixeron pechar pola vía rápida a visita das pepineiras e fixérono con catro tantos en 16 minutos diante dun rival que era incapaz de achegarse con perigo á meta defendida por Jozi. No terceiro minuto de xogo era Noelia Montoro a que adiantaba ás mariñás cunha bonita volea tras un saque de esquina. Segundos máis tarde era Patricia a que remataba a gol un bo envío filtrado ao corazón da área por Irene Samper.

A zaragozana tomaría despois o protagonismo goleador e asinaba un dobrete que practicamente xa sentenciaba o duelo. O primeiro anotábao no 11 ao roubar un balón en primeira liña e bater a Falconi, mentres que o segundo chegaba cinco minutos despois dun roubo de Aroa, que cedía para Emilly e esta facía o propio para que Irene Samper fusilase a Falconi.

As pepineiras, a pesar de tentalo con Ana Sanz como porteira-xogadora xa a seis minutos de chegar ao descanso, só inquietarían a Jozi no último minuto do primeiro tempo cun disparo de Nereita moi centrado. O segundo tempo apenas tivo historia, cun Burela que baixou unha marcha e un Leganés que o seguiu tentando co xogo de cinco. Precisamente nunha destas accións chegaba o quinto, nun gol de Emilly sen porteira baixo paus, e o sexto era obra de Antía tras unha perda visitante que lle deixaba un balón morto á ourensá na área e esta non perdoaba diante de Mónica.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 6-0 CD Leganés Masdeporte

Pescados Rubén Burela FS (6): Jozi; Irene Samper, Rafinha, Noelia Montoro, Emilly -quinteto inicial-, Patricia, Cami, Cilene, Jenny, Aroa e Antía.

CD Leganés Masdeporte (0): Falconi; Nere, Beíta, Noe, Moni -quinteto inicial-, Ana Sanz, Alba, Nerea Rey e Mónica (ps).

Goles: 1-0, min. 3: Noelia Montoro. 2-0, min. 4: Patricia. 3-0, min. 11: Irene Samper. 4-0, min. 16: Irene Samper. 5-0, min. 24: Emilly. 6-0, min. 34: Antía.

Árbitros: Menéndez Nistal e Otero Mira (Galicia). Amonestaron á local Antía.

Inicidencias: Encotro da Primeira Fútbol Sala Iberdrola disputado no pavillón de Vista Alegre ante uns 700 espectadores. Nos prolegómenos do choque, a alcaldesa de Burela, Carmela López, e o directivo do club Miguel Ángel Gradaílle fixéronlle entrega ás xogadoras burelistas Emilly e Jozi dun agasallo conmemorativo para cada unha polo seu recente título de campionas da Copa América coa selección de Brasil.

Exit mobile version