Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego pide ao Goberno central que defenda en Europa a revisión das áreas vedadas á pesca de fondo co máximo rigor técnico-científico

“Bruxelas non pode poñer en marcha medidas que dificulten aínda máis a actividade da pesca e compliquen que sexa rendible”, manifestou o deputado popular José Manuel Balseiro

Compostela, 17 de outubro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que defenda ante a Comisión Europea a necesidade de que a revisión das áreas vedadas á pesca de fondo se faga co máximo rigor técnico-científico, tendo en conta tanto o eido medioambiental como o social e o económico. “Nun momento no que o sector se viu impactado por numerosas cuestións de alcance global, como a pandemia da Covid-19, a crise loxística mundial, a guerra de Ucraína ou a espiral inflacionista, Bruxelas non pode poñer en marcha medidas que dificulten aínda máis a actividade da pesca e compliquen que sexa rendible”, manifestou o deputado popular José Manuel Balseiro.

Na súa intervención, Balseiro incidiu que desde o PPdeG “non nos cansaremos de denunciar que a deriva medioambientalista, ou o ecoloxismo radical mal entendido, da Comisión Europea pon en risco o futuro de parte da frota e de milleiros de empregos”. Por este motivo, demandou aos responsables europeos “que escoiten ao sector e que traballe con el para tomar decisións que atendan á realidade da pesca e teñan en conta o necesario equilibrio entre os aspectos ambientais, sociais e económicos”.

16 MILLÓNS DE PERDAS AO ANO

O deputado popular lembrou que “o Parlamento galego xa rexeitou desde o primeiro momento os plans da Comisión Europea de restrinxir nos vindeiros anos a pesca de fondo ou o arrastre, e hoxe non se fala de hipóteses porque hai 87 zonas vedadas á pesca que están a provocar unhas perdas ao sector español de 16 millóns de euros ao ano”.

“Agora o comisario europeo amosou a súa dispoñibilidade a revisar estas vedas, polo que consideramos necesario impulsar un novo acordo político neste Parlamento, que solicite ao Goberno de España que defenda, como o está a facer a Xunta, a necesidade de que a revisión das áreas vedadas á pesca de fondo se faga co máximo rigor técnico e científico, considerando aspectos medioambientais pero tamén sociais e económicos”, indicou José Manuel Balseiro.

Deste xeito, o deputado popular considerou necesario “defender os intereses da frota ante todas as instancias para evitar novos danos á súa actividade pola ampliación dos vetos ou pola aplicación de medidas restritivas adicionais”.

“Para iso, necesitamos que BNG e PSdeG melloren a súa intensidade reivindicativa, porque é moi difícil entender e explicar que o BNG estea asociado nas institucións europeas co ecoloxismo radical dos verdes, ao tempo que non pode ser que o Goberno de España sexa tibio á hora de tomar decisións, xa que tardou en presentar o recurso xudicial e ten que facer valer todos os informes científicos, económicos e sociais dispoñibles para defender a pesca española”, rematou.

Exit mobile version