A súa actividade durante estes anos conseguiu tecer unha rede de sororidade, creando lazos e agrupando a mulleres de todas as condicións e cores posibles e de todos os concellos da nosa contorna.
As accións deste Observatorio da Mariña pola Igualdade seguirán ofrecendo espazos feministas cheos de formación e información, reivindicando para as mulleres os espazos que debemos ocupar no día a día e observando, escoitando e non calando ante circunstancias que nos acorralan.
Para poñer en valor o traballo de tantas e tantas mulleres que formaron, forman e formarán este Observatorio da Mariña pola igualdade, foi creada unha peza audiovisual que recolle a actividade destes 15 anos de loita feminista baixo a dirección de Carme P. Granxeiro e a participación das socias.
O próximo sábado 28 de outubro ás 17h na Sala de exposicións e antiga carboeira do conxunto histórico-artístico de Sargadelos (Cervo) terá lugar un encontro para presentar e proxectar esta peza audiovisual e conmemorar de xeito conxunto a traxectoria do Observatorio, que é de todas, mediante unha intervención artística en forma de collage e guiada polo Colectivo Vacas Fracas.
Convídase ás mulleres mariñanas a achegarse ao OMI neste encontro pensado por e para todas nós.