Carmen Rodríguez Dacosta esíxelle ao goberno galego que estableza condicións laborais dignas para as brigadas de prevención e extinción de incendios
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou no Parlamento que a Xunta non teña recibido a día de hoxe aos alcaldes e alcaldesas afectados polos incendios forestais rexistrados neste mes de outono. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para esixirlle a mellora das condicións laborais das brigadas de prevención e extinción de incendios que será votada mañá mércores.
Rodríguez Dacosta denunciou o desleixo do goberno galego, que segue sen dar conta duns lumes que teñen arrasado 3.000 hectáreas neste mes de outubro, sumando as 2.300 hectáreas do incendio de Trabada, xunto cos lumes rexistrados en Foz, Vilariño de Conso, no Parque do Xurés ou os concellos de Chantada e Avión. Esixiulle á Xunta que “estea á altura das circunstancias” e comece “de inmediato” coa recuperación das zonas afectadas polos lumes.
A responsable socialista reclamou unha política activa de prevención logo de lembrar que Galicia é a Comunidade Autónoma máis afectada polos incendios forestais en canto á porcentaxe da superficie afectada, número de lumes e incendios de máis de 55 hectáreas. Reivindicou un servizo de prevención e loita contra o lume “único, profesional, estable e equipado”, fronte á “nefasta xestión” e o “desinterese” da Xunta pola xestión deste persoal.
Responsabilizou ao goberno galego da excesiva precariedade dun persoal sometido a condicións de traballo extremas e cunha retribución insuficiente para o risco que corren. Explicou que neste momento dúas terceiras partes do persoal do servizo é contratado de forma temporal, que leva 4 anos e 7 meses agardando que remate o proceso selectivo de persoal e coa Xunta de brazos cruzados á espera de que en 10 anos se xubile o 40 por cento do persoal deste servizo.
A responsable socialista reclamou, a través desta proposta, o remate cos concursos de traslados, as tomas de posesión e os demais trámites pendentes das OPEs celebradas entre 2016 e 2019. Tamén pediu que amplíen a contratación do persoal de 6 a 12 meses ao ano para facer fronte á desestacionalización dos incendios forestais, e que incrementen a reversión en públicas das brigadas helitransportadas.