Patricia Otero aféalle ao director da Axencia de Infraestruturas que confirmara hoxe que a obra non é prioritaria
Otero criticou que o director da Axencia de Infraestruturas sinalara hoxe que o goberno galego está a traballar en “vías prioritarias” nas dúas provincias, adiando sine die unha infraestrutura que resulta fundamental para romper co illamento das comarcas da Mariña e Ortegal. Criticou que defendan por exemplo outras vías de comunicación como A Gañidoira “e botan por terra o impulso á VAC Costa Norte”.
A responsable socialista criticou que o goberno galego, no canto de desbloquear os 9 tramos que aínda quedan por executar desta vía, sinalen á alcaldesa de Viveiro, que tivo que adaptar o PXOM á modificación imposta polo goberno galego e coa que racharan o consenso no proxecto orixinal para a Ponte de Viveiro. Explicou que a modificación foi iniciada en 2011 pero ata 2017 non chegou o informe de Patrimonio, e o de Augas de Galicia retrasouse ata o ano 2022.
Acusou á Xunta de “faltar bastante á verdade”, e esixiulle que “se poñan a traballar e entre tódalas administracións atopen solución” para esta vía que, de seguir co ritmo de execución imposta pola Xunta dende a chegada de Feijóo e Rueda, non estará rematada ata o ano 2135.
A responsable socialista explicou que a obra, anunciada polo goberno presidido por Fraga e con Xosé Cuíña como conselleiro en 2001, tiña que ter rematado en 2007, pero foi abandonado nun caixón ata que chegou o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, que licitou os únicos dous tramos rematados ata o momento. Trátase da variante de Xove, en Lugo, inaugurada en 2017, e a variante de Ortigueira, inaugurada en 2013, pero dende entón a obra segue parada.