O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación do programa organizado pola asociación Xoldra, que inclúe os concertos de Catuxa Salom, Grande Osso, Fillas de Cassandra, Ruxe Ruxe, Los Rastreadores e The Skarnivals
O cartel inclúe sete concertos de artistas galegos que terán lugar o sábado na praza da Catedral, onde actuarán Catuxa Salom e Grande Osso (13,30 horas); Fillas de Cassandra (21.30); Ruxe Ruxe (23.00); Los Rastreadores (00,30); The Skarnivals (02,00) e de novo Grande Osso ás 03,00. O acceso será gratuíto.
Haberá actividades complementarias para todas as idades, como oferta gastronómica, un magosto tradicional e un espazo infantil con xogos populares para os nenos e nenas. Ademais, o departamento de Xuventude da Xunta instalará un posto informativo para divulgar recursos dirixidos á mocidade, con especial fincapé no programa Quérote +, orientado a asesorar nas áreas vinculadas ao entendemento social e o crecemento persoal dos mozos e mozas.
Javier Arias felicitou á asociación Xoldra “por conseguir reeditar esta actividade de ocio vinculada á cultura, que serve como escaparate para os artistas galegos e ten un efecto positivo en Mondoñedo desde o punto de vista económico e turístico”.
A Vicepresidencia da Deputación apoia a organización do festival
A deputada de Cultura Iria Castro participou na presentación do Breason que se celebra o 4 de novembro en Mondoñedo. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa Asociación Cultural Xoldra na organización do festival.
Iria Castro expresou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación a este festival, que conta co impulso da Asociación Cultural Xoldra e da mocidade mindoniense comprometida coa música e a cultura en galego, como reflicte o cartel desta segunda edición que reúne algunhas das bandas e artistas máis recoñecidos da música en galego actual”.