O titular do Mar visita aos alumnos que se forman no IES María Sarmiento de Viveiro
O conselleiro sinalou que a posta en marcha deste ciclo e froito da colaboración entre as Consellerías de Mar e de Cultura, Educación, FP e Universidades. Trátase de dar resposta ás demandas da Confraría de Pescadores e do Porto de Celeiro e contribuír a que a pesca continúe sendo o motor económico dunha comarca que conta con dous dos portos pesqueiros máis importantes do Cantábrico, Celeiro e Burela. Tamén recordou que a escaseza de titulados de ponte e máquinas son unha das grandes preocupacións do sector, polo que resulta fundamental achegar ás novas xeracións esta saída profesional con altísima inserción laboral e boas condicións salariais como principais atractivos.
Nesta liña, esta nova oferta formativa enmárcase no incremento da oferta pública no ámbito da formación profesional e nas políticas de consolidación da FP dual promovida desde a Consellería de Educación dentro do seu Plan Conecta FP Galicia. É unha modalidade que permite deseñar os plan de formación específicos a medida das necesidades das empresas conseguindo unha inserción laboral de case o 100%.
Alfonso Villares explicou que xa desde o inicio de curso están confirmados os postos de traballo para os trece alumnos que iniciaron este primeiro ano, o que amosa o compromiso do sector na tarefa de facer deste ciclo formativo un referente para a zona da Mariña-Ortegal, servindo para crear canteira e poder formar novas fornadas de patróns nunha das zonas craves para o sector pesqueiro que, ata a data, carecía de oferta formativa neste ámbito.
Os alumnos desta nova FP dual recibirán formación durante os próximos dous cursos nos que combinarán clases en terra, de setembro a marzo, con prácticas a bordo de buques pesqueiros ata o mes de agosto que serán contabilizados como días de mar. Estes embarques realizaranse a través da formalización de convenios con empresas armadoras interesadas.
Os que superen estes estudos quedarán habilitados para desempeñar función de patrón costeiro polivalente, local de pesca; patrón, primeiro oficial e oficial de ponte en buques mercantes, pesqueiros ou de pasaxeiros entre outros, polo que os futuros titulados poderán embarcarse en buques que faenen en lugares con gran presenza da frota galega como Irlanda, augas do Gran Sol e ata Mauritania.