As nenas e nenos asistentes aprenderán a elaborar monstros e casas fantasmagóricas, e poderán desfrutar da música a cargo de Puzzle Animación
Viveiro, 27 de outubro de 2023. O Concello de Viveiro organiza unha serie de actividades para celebrar o Samaín orientadas ás e ós máis pequenos da casa. Ditas actividades terán lugar mañá, sábado 28 de outubro, e o 31 de outubro, martes e véspera do Día de Tódolos Santos.
Na xornada de mañá sábado 28, pola mañá, haberá dous obradoiros temáticos de cara a esa festividade. Por unha banda, o obradoiro para elaborar monstros, de 11:00 a 12:30, e por outra banda, o obradoiro para elaborar casas fantasmagóricas, que terá lugar a continuación, de 12:30 a 14:00.
O primeiro deles está indicado para nenos e nenas de 4 a 7 anos, mentres que o segundo, pola súa banda, está dirixido ao grupo de 8 a 12 anos. Ambos terán lugar na Biblioteca Pública Municipal de Viveiro.
Na xornada do luns 31, as persoas que asistan á sala multiusos do Concello poderán desfrutar, entre as 18:00 e ás 21:00, de música a cargo de Puzzle Animación. Ademais, ás 18:00 terá lugar, dende a casa do Concello, a saída para pedir larpeiradas polas rúas de Viveiro, orientada a cativos e cativas dos dous grupos de idade anteriores conxuntamente.