Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro consegue unha reunión co presidente de Portos de Galicia para desbloquear varios proxectos importantes para a vila

Viveiro, 16 de outubro de 2023. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a tenente de alcaldesa, Miriam Bermúdez, conseguiron hoxe unha reunión co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez Vidal, para desbloquear varios proxectos importantes para o municipio sobre os que ten competencias o ente autonómico.

Despois de varios anos detrás dunha solución, o pasado mes de agosto o goberno local solicitou ata tres veces e por escrito unha reunión co novo presidente de Portos de Galicia. Ao non obter resposta, Loureiro e Bermúdez desprazáronse hoxe persoalmente ata a sede do organismo en Santiago de Compostela. Foron recibidas polo presidente e manterán unha reunión formal dentro de 15 días.

“Agradecemos a súa receptividade e agardamos que a reunión sexa fructífera, xa que son temas e proxectos prioritarios para Viveiro, algún deles á espera dun acordo con Portos de Galicia desde hai anos”, aseguran Loureiro e Bermúdez.

Entre os temas a tratar nesa reunión, está a de conseguir a cesión de uso definitivo da explanada na que se atopa o antigo Casino de Viveiro, unha demanda que o concello mantén desde hai anos. Tamén o arranxo do firme do peirao de Viveiro, e o desenvolvemento dunha actuación de humanización da zona comprendida entre os núcleos de Viveiro e Celeiro, contemplando a creación dun carril-bici e un paseo peonil.

Ademais, o concello solicitou a Portos de Galicia e o Servizo Provincial de Costas unha reunión urxente para aclarar quen é o responsable de adoptar as medidas precisas para arranxar os desperfectos existentes no muro de contención do Paseo Marítimo e a rampa de acceso á lamina de auga ubicada nas inmediacións da Ponte da Misericordia.

O Servizo Provincial de Costas xa manifestou a súa disposición a reunirse, polo que o concello está á espera de recibir unha resposta por parte de Portos de Galicia.

Exit mobile version