Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo aforrará 160.000 euros grazas as xestións realizadas ante a Xunta

Ribadeo, 4 de outubro de 2023. O Concello de Ribadeo aforrará 160.000 euros grazas as xestións realizadas ante a Xunta de Galicia. Así o subliñou o alcalde, Dani Vega, tras a comisión de asuntos de pleno celebrada na xornada de onte.

O rexedor contou que “celebramos a comisión para abordar os asuntos que van ir ao vindeiro pleno. O primeiro é o relativo á ordenanza municipal que regula as axudas para a conciliación da vida laboral e familiar; e o segundo é referido á modificación de crédito. É dicir utilizar recursos propios, concretamente do remanente de tesourería para obras no concello”.

Vega indicou que “estamos a falar de actuacións no parque de San Francisco, no pavillón de deportes de Cubelas, no propio Concello, na residencia municipal e no centro de día. Suman en total preto de 160.000 euros, que eran fondos propios do Concello, pero nos sempre defendemos que a xestión debe ser un eixo fundamental da vida municipal. É dicir utilizar recursos doutras administracións, abrir ás portas á inversión e non tirar dos fondos do propio Concello”.

O alcalde destacou que “iso foi o que fixemos: xestionar e así aforrar orzamento e fondos propios e investimos con xestión ante outras administracións. Neste caso foi a Xunta de Galicia, a que vai colaborar economicamente no entorno no parque de San Francisco, cunha cantidade superior á que iamos investir nós, son máis de 40.000 euros no pavillón de Cubelas 20.000 euros, na residencia municipal 20.000 euros, tamén obras no Concello por importe de 30.000 euros e no centro de día financiando preto de 50.000 euros”.

O rexedor insistiu en que “investimos máis e aforramos fondos propios. Creo que esta é a liña a seguir: xestión, traballo e dedicación por Ribadeo”.

A concelleira de Facenda, Begoña Sanjurjo, explicou que “ao próximo pleno levaremos a actualización da ordenanza municipal que regula as axudas para a conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ribadeo, que xa foi apoiada unanimemente na comisión informativa. É unha ordenanza de febreiro de 2021, pero desde daquela houbo cambios significativos tanto económica como socialmente”.

A edil ribadense explicou que “por un lado, aumentamos o límite de idade ata os 12 anos, fin da educación primaria e momento no que os pícaros comezan a precisar menos supervisión. Por outro lado, ampliamos o límite de ingresos da unidade familiar para que se poidan acoller máis familias. A renda da unidade non poderá superar os 2.200 euros no caso dun fill@ e os 2.600 no caso de 2 fill@s ou máis. A modificación destes límites de ingresos é esencial para asegurar que aqueles que o necesitan poidan beneficiarse dos servizos e programas recollidos na ordenanza”.

Sanjurjo anima “ás familias a achegarse ao auditorio a informarse e a presentar as solicitudes. E agradecemos o bo traballo que fan as técnicas municipais para poñer todos os servizos do Concello a disposición das familias ribadenses”.

O pleno municipal no que abordarán estes asuntos terá lugar o vindeiro 10 de outubro ás 20:00 horas.

Exit mobile version