Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz desenvolve o programa de formación Galegas Dixitais, para a dixitalización de mulleres do rural

Foz, 9 de outubro de 2023. A partir do 17 de outubro desenvolverase no Concello de Foz o programa de formación Galegas Dixitais, para a dixitalización de mulleres do rural. Impartirase na Aula CeMIT, sita na Casa da Xuventude.

A concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, explica que “o programa, que consta de tres cursos, levarase a cabo nos meses de outubro e novembro e vai orientado a mulleres demandantes de emprego ou inscritas en solicitude de mellora do mesmo. Cada módulo consta de 40 horas máis 5 horas de formación en igualdade e van desde o curso de Competencias Dixitais Básicas (do 17 ao 30 de outubro), o curso de Competencias Dixitais Avanzadas (do 31 de outubro ao 14 de novembro) ata o último, que será o curso de Iniciación en Competencias Básicas para o Emprendemento (do 15 ao 28 de novembro). Unha vez rematada a formación entregarase aos participantes un título acreditativo, que será emitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia e, de realizar os tres módulos, farase entrega dun dispositivo portátil de regalo (ordenador portátil Chromebook) co que as participantes poderán poñer en práctica todo o aprendido”.

Mañá, martes 10 de outubro, levaranse a cabo na Casa da Cultura de Foz (Rúa Lugo, 1) dúas charlas informativas para todas as persoas interesadas e farase unha primeira selección das posibles persoas participantes nos diferentes cursos. Aquelas mulleres interesadas tamén se poden poñer en contacto coa organización do programa nos teléfonos 604.044.841 e 698.197.518 ou no correo electrónico lugo@galegasdixitais.es.

O Concello de Foz colabora na realización destas formacións poñendo á súa disposición as súas instalacións e, desde a área de Muller e Igualdade, animan a que calquera dúbida que poda xurdir ao respecto as consulten co departamento.

A concelleira de Muller e Igualdade alenta “a toda a poboación feminina demandante de emprego ou en situación de mellora a aproveitar esta oportunidade de realizar a formación gratuíta. É unha boa ocasión para, ademais de mellorar as súas capacidades dixitais de cara ao seu día a día, esta formación pode aumentar as súas posibilidades de atopar emprego e, de rematar os tres módulos, as mulleres participantes poderán levar de agasallo un ordenador portátil”.

Exit mobile version