Os encontros abertos á veciñanza serán o luns en San Ciprián, en horario de 18:00 a 20:00 horas, na Casa da Cultura, e o martes na Casa do Concello, en Cervo, de 19:00 a 21:00 horas
Neste senso, o Concello de Cervo vén de editar máis de 2000 exemplares dun folleto explicativo, que chegará nos próximos días a todos os fogares cervenses, no que se detallan polo miúdo sobre plano os puntos estratéxicos nas que se situarán con carácter inminente unha vintena de contedores marróns dentro do termo municipal.
No folleto, tal e como afondaron, tamén se difunden unha serie de charlas informativas que terán lugar os próximos 16 e 17 de outubro, en San Ciprián e en Cervo, respectivamente. Trátase duns encontros abertos á veciñanza coa colaboración da Mancomunidade de Municipios da Mariña que terán lugar na Casa da Cultura, en horario de 18:00 a 20:00 horas, e na Casa do Concello, de 19:00 a 21:00 horas; nos que se dará resposta a todas as dúbidas que a veciñanza poida ter sobre a implantación deste novo colector.
Tal e como puntualizou a rexedora, “desde o Concello de Cervo xa levamos moitos anos sensibilizados coa compostaxe doméstica, promovendo á súa práctica entre os fogares cervenses a través de diferentes iniciativas didácticas e tamén ofrecendo composteiros de balde ás familias; de feito a día de hoxe preto de 300 fogares fan o seu propio compost na casa”. Pero agora –proseguiu- queremos e debemos dar un paso máis coa instalación dos contedores marróns nunha vintena de puntos estratéxicos do concello, “para facilitarlle á veciñanza, na medida do posible este exercicio de corresponsabilidade que todos debemos asumir”.
Ademais, no folleto tamén se explica polo miúdo que tipo de residuos se poden depositar no contedor marrón tales como restos de todo tipo de comida, pousos de café, restos de plantas, flores, papel de cociña usado…; cuxo tratamento se realizará na planta de biorresiduos situada no Polígono de Cuíña, que entrará en funcionamento proximamente, e que dará servizo a case 70.000 habitantes.