O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica responsable de Primavera das Letras, Fina Casalderrey, agradecéronlles aos mestres e mestras o labor fundamental que desempeñan na transmisión da lingua e da cultura galegas ás novas xeracións
“Vós sodes fundamentais para o futuro da nosa lingua. O profesorado dos centros de educación infantil e primaria tendes a capacidade, xunto coas familias, de chantar os esteos do idioma e do primeiro achegamento á cultura de noso”, agradeceu o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, no acto desenvolvido na Fundación Luis Seoane. A académica Fina Casalderrey, responsable de Primavera das Letras, destacou tamén “a creatividade, o tempo e a ilusión contaxiosa” que os mestres e mestras empregan nestes obxectivos e agradeceulles o diálogo que manteñen co proxecto, que fornece o profesorado e o alumnado de recursos lúdicos e didácticos arredor da figura protagonista do 17 de maio e a lingua e a cultura galegas. “Vós sodes a verdadeira primavera das letras porque cando falades en galego, xogades en galego, cantades en galego convertédesvos en novos gromos para a lingua”, díxolles aos alumnos e alumnas.
O protagonismo do acto recaeu nos nenos e nenas dos tres centros educativos. Dende o colexio cangués da Espiñeira-Aldán, unha representación dos nenos e nenas puxo en escena un anaco da súa adaptación da obra teatral As cousas de don Paco, a proposta biográfica de Eva Mejuto, con ilustracións de Lucía Cobo, para a Primavera das Letras 2023. Previamente, dúas compañeiras e un compañeiro explicaron como tamén durante a semana das Letras Galegas o alumnado de todos os niveis foi completando un álbum de cromos baseado nos personaxes da obra nunha actividade concibida para animalo a empregar decote o galego. A elaboración dunha creación plástica con frases chegadas dende as aulas en defensa do idioma propio e mais a adaptación do tema “Terra” das Tanxugueiras, desta volta titulado “Fálame galego”, completaron a programación especial do colexio.
Homenaxe dos nenos e nenas da vila natal de don Paco
O CEIP Juan Rey de Lourenzá, a terra natal de Fernández del Riego, celebrou as Letras Galegas do seu veciño ilustre dende o comezo do curso pasado cunha morea de iniciativas resumidas no número especial da súa revista, O Tremoal, que serviu de guía aos pícaros e pícaras que recolleron o galardón para a súa escola. O equipo da biblioteca desenvolveu no primeiro trimestre o proxecto Desde a fiestra de don Paco, con máis de oitenta actividades de todo tipo nas que participaron os nenos e nenas de todos os niveis. Co Dicionario trangalleiro inventaron palabras seguindo as normas da lingua, elaboraron unha audioguía sobre a vida do homenaxeado, afondaron no mundo dos xogos tradicionais da súa infancia a través das achegas dos estudosos locais Xosé López e Xosé Manuel García e practicaron o xénero epistolar que don Paco tanto cultivou escribíndolles cartas aos Reis Magos desde a perspectiva dos pícaros e pícaras do seu tempo.
O alumnado de Lourenzá tamén analizou e ilustrou o discurso que o autor pronunciou na vila en 1998 con motivo da Festa da Faba, afondou na súa infancia en Lourenzá a través da celebración do Samaín en Paco e as pantasmas, deseñou unha exposición de carteis sobre o autor -premiada pola Consellería de Educación- e realizou unha pequena adaptación teatral sobre a súa vida que se puxo en escena co gallo da presentación da Primavera das Letras 2023 neste mesmo colexio.
Espallando as Letras polo barrio
A comunidade escolar do CEIP Juan Fernández Latorre levou a cabo a actividade titulada Espallando as Letras polo barrio, unha iniciativa que implicou a veciñanza do barrio coruñés do Castrillón con moi boa acollida. Os nenos e nenas repartiron nos establecementos comerciais, a biblioteca municipal, as escolas infantís ou o centro de día reproducións de textos de Fernández del Riego ilustrados por eles mesmos. Cadaquén escolleu o seu favorito entre unha escolma que abrangue dende fragmentos nos que o autor fala da Torre de Hércules e o outeiro e o val de Elviña ata anacos da súa única novela publicada, O cego de Pumardedón, ou a obra divulgativa A pesca galega de mar a mar.
“Este agasallo tivo moi boa acollida por toda a veciñanza. Foi moi divertido contribuír con el á divulgación da nosa lingua e cultura. Dámoslles as grazas a todas as entidades do noso barrio por colaborar nesta iniciativa e axudarnos a espallar as letras, e tamén llas damos á RAG por outorgarnos este premio”, expuxo a rapazada encargada de recoller en nome de todo o colexio o galardón, o segundo deste concurso que gaña o Fernández Latorre, que xa fora recoñecido no ano 2021 polas súas actividades dedicadas a Ricardo Carballo Calero. “A comunidade do noso colexio educativo seguirá sementando a nosa lingua guapa”, concluíu antes de entoar un fragmento da canción que lle dá nome á sección de Primavera das Letras que amplía os contidos para o público infantil alén da celebración do 17 de maio, inaugurada coa curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa.