Ribadeo, 24 de outubro, 2023. O BNG de Ribadeo “chama a atención sobre o feito de que Daniel Vega, fiel ao seu estilo persoal, siga a presumir do que outros lograron e non sexa quen de anunciar ningún investimento por parte da Xunta en Ribadeo. Xa está ben, señor Vega, non presuma de que o Concello xestiona cousas que lograron os anteriores gobernos. Só faltaría que miraran para outro lado por non ser algo que conseguiran vostedes!”.
“Unha vez máis asistimos ao lamentábel espectáculo de ver como o señor Vega saca peito anunciando investimentos xestionados polo anterior goberno”.
“Presumir de que o concello segue a xestionar cousas para Ribadeo é un brinde ao sol. É obvio que teñen que seguir tramitando o que comezaron outros antes. O que non é normal é poñerse medallas como se fose un quen consegue todo, ao mesmo tempo que o pobo segue sen ver ningún anuncio de novos investimentos para Ribadeo. Nos novos orzamentos da Xunta practicamente non se ve para nada o nome do noso concello”.
“Despois de termos comprobado o afán de protagonismo do señor Vega cando o episodio dos lumes sufridos por toda a veciñanza (suspendendo, por exemplo, o mercado dos domingos para despois deixar que se fixese), botamos en falta un pouquiño máis de humildade e de máis man esquerda dando a coñecer Ribadeo. Señor Vega: non se trata de presumir de que somos os primeiros en ver unha película porque sexa a primeira vila onde se proxecta. Non se trata de dicir que, despois de vela nós, vana ver os da Coruña e os de Vigo. Non é así o conto. O importante é potenciar o cine galego e lograr que veña a Ribadeo apoiando a súa proxección. Por exemplo, terían tamén unha boa oportunidade de promocionar outras películas premiadas (como “O Corno”, de Jaione Camborca) e seguir así poñendo o nome de Ribadeo na prensa como amantes do bo cine galego. Pero non: para vostede é mellor presumir coma nenos e nenas fachendosos de que somos os primeiros; antes ca nós ninguén e despois os da Coruña e os de Vigo. Dinos de que presumes e dirémosche de que careces”.
“Careceu vostede de valentía e coraxe para defender a aplicación das faixas de xestión da biomasa, tal e como fixemos nós no anterior mandato, e sobroulle soberbia enfrontándose a persoal sanitario. Hai veces nas que, aínda que un poida ter máis ou menos a razón, pode perdela toda polas súas maneiras fachendosas e autoritarias. Tempere o seu ánimo, señor Vega. Non siga a alimentar a súa lenda negra. Nalgunha ocasión ha de saltar a lebre!”.
“Mentres que vostede siga coas súas teimas presuntuosas, nós seguiremos a mostrar a nosa alternativa (aínda que pretenda limitar a nosa voz nos plenos). Nesta semana ímonos achegar aos propietarios e propietarias do monte e expoñerémoslles como se pode xestionar a explotación da madeira de xeito ordenado e sen poñer en risco a tenza nin as vidas humanas. Temos o aval do feito no anterior mandato (namentres vostede laretaba defendendo ao señor Feijóo e o señor Rueda) e queremos seguir mostrando como desenvolver unha política forestal racional”.