Foz, 2 de outubro de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, afirma que o voceiro municipal do Partido Popular, Javier Castiñeira, continúa mentindo e enredando coa residencia de maiores. O rexedor municipal explica que o pleno ordinario de hoxe, luns, retrasado de forma deliberada polo voceiro do PP, incrementa o orzamento en 180.000 euros para o pago de facturas da residencia e centro de día.
Cajoto engade que “o voceiro do Partido Popular, señor Castiñeira, é o único causante da suba de prezos que se vai a producir na residencia e pretende enmascaralo con xuízos de valor e descualificacións persoais, intentando impoñer intereses particulares fronte á legalidade”.
O equipo de goberno informa da situación da residencia:
– A Xunta -Consorcio- desentendeuse da residencia a pesar de ser da súa competencia. Isto provoca que os usuarios vaian ter que aportar do seu patrimonio para aboar a súa praza se non é suficiente coa pensión que cobran, ao contrario do que pasaría se a xestionara a Xunta. O Concello de Foz, en todo caso, asumirá os custes daqueles que non dispoñan de patrimonio a través das axudas de emerxencia.
– O Partido Popular aprobou no pleno de maio de 2023 o Estudio de Viabilidade da Residencia, onde se inclúe os prezos das prazas -2.054 euros de saída para os dependentes grado III-. Non é certo que non dispoña da información.
– As facturas encóntranse en diferentes fases de tramitación, algunha incluso tivo que ser devolta por incongruencias dos cálculos da empresa, segundo os estudos dos técnicos municipais.
– O Concello trouxo a pleno o incremento do orzamento en 180.000 euros con cargo aos veciños de Foz para facer fronte aos pagos que non quixo facer a Xunta.
O alcalde engade que “o señor Castiñeira xa se esqueceu cando os provedores locais non querían traballar con el por non pagar. Pouca seriedade demostra o voceiro do PP en todo o seu discurso. Primeiro facéndolle perder o tempo aos veciños de Foz cun pleno que xa podía estar celebrado e que por facer dano a Foz obrigou a retrasar. E agora con falta de rigorosidade en todas cantas afirmacións fai deste municipio, no que nin se digna a falar cos técnicos”.