Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde, Dani Vega, pide tranquilidade á poboación, tras a chegada do lume que onte pola tarde se iniciaba no veciño concello de Trabada

Ribadeo, 13 de outubro de 2023. O alcalde, Dani Vega, pide tranquilidade á poboación, tras a chegada do lume que onte pola tarde se iniciaba no veciño concello de Trabada. Neste momento hai varias parroquias afectadas.

O rexedor dixo que “a situación é dramática e complexa, pero o que pedimos é tranquilidade a toda a poboación. Desde o Concello de Ribadeo estamos a poñer todos os medios necesarios e tamén desde a Xunta de Galicia”.

Vega contou que “nestes momentos hai dificultades en Noceda, en Vilaframil, en Cubelas, en Piñeira e tamén en Piñeiro (Cedofeita). En varios puntos temos unha situación crítica, pero controlada. E imos seguir nesa liña de colaboración coa Xunta de Galicia e coas distintas administracións”.

O alcalde declarou: “desde o Concello pedimos tranquilidade, estamos a carón das persoas. Desde o primeiro momento poñemos a disposición o polideportivo municipal daquelas veciñas e veciños que tiñan risco nas súas casas. Estamos desde a unha da madrugada con ese pavillón listo e hoxe tamén con camas para persoas con problemas de mobilidade. Todo ben coordinado e imos seguir traballando”.

Dani Vega insistiu en pedir prudencia á veciñanza: “pedimos prudencia, pedimos que se atenda ás explicacións das autoridades e así entre todos poder solucionar este problema que é moi grave”.

Exit mobile version