Na provincia distribúense 390 carteis e 7.020 tarxetas en 162 albergues, 121 farmacias, 52 centros hospitalarios, 23 postos da Garda Civil, 23 comisarías da Policía Nacional e policías locais, 20 oficinas de turismo de 31 concellos polos que pasan os camiños Francés, Primitivo, do Norte e de Inverno
Vilalba, 20 de outubro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou hoxe que Vilalba figura nun dos 390 puntos da ruta Xacobea ao seu paso pola provincia nos que se está a divulgar a Campaña “No Caminas Sola”, por un Camiño de Santiago libre de violencias machistas. Este programa impulsado polas unidades contra a Violencia de Xénero das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago recala na capital chairega para reforzar a protección das peregrinas.
Isabel Rodríguez levou esta mañá a campaña a un dos puntos do Camiño Norte nun encontro coa alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, no que tamén estivo a xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, María Luisa Castro, así como a Garda Civil.
A subdelegada explicou que a campaña trata de dar a coñecer ás peregrinas os recursos especificamente postos ao dispor delas e que os poidan empregar en caso de calquera tipo de violencia. Esta iniciativa complementa o Plan de Prevención e Seguridade da Policía Nacional e a campaña de comunicación da Garda Civil “Gardáns do Camiño” para garantir a protección e seguridade das persoas que transitan as distintas rutas xacobeas
Con este obxectivo elaborouse un material específico, que foi distribuído nos principais puntos de referencia para as peregrinas. Na provincia de Lugo distribúense 390 carteis e 7.020 tarxetas, editadas en español e inglés, en 162 albergues públicos e privados, 121 oficinas de farmacia, 52 centros hospitalarios, 23 postos da Garda Civil, 3 comisarías da Policía Nacional, 10 comisarías das policías locais e 20 oficinas de turismo en 31 concellos polos que pasan os camiños Francés, Primitivo, do Norte e de Inverno.
As tarxetas inclúen información de emerxencias e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como da aplicación AlertCops, para comunicar en tempo real calquera alerta con envío de localización. Un código QR enlaza cunha web de recursos do Executivo para atender calquera necesidade a través da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, do Ministerio de Igualdade.
Reforzar a seguridade das mulleres
Isabel Rodríguez lembrou que no 2022 o 53% das 230.000 persoas que realizaron o Camiño de Santiago foron mulleres que, ademais, cada día optan por facer o percorrido en solitario. “Tendo en conta esta tendencia, os organismos públicos temos que establecer medidas e políticas que garantan a autonomía das mulleres e a súa seguridade durante a peregrinación a Compostela”.
Nesta liña, a subdelegada cualificou de “imprescindible” o apoio do Colexio de Farmacéuticos, dos centros sanitarios, dos albergues e das distintas forzas de seguridade que colaboran neste programa.
Compromiso na loita conta a violencia machista
A subdelegada destacou que o Goberno priorizou no seu mandato a loita contra a violencia de xénero “comprometéndose cuns orzamentos récord, políticas de prevención e recursos suficientes para a protección das mulleres vítimas e dos seus fillos e fillas”. Neste senso, avanzou que o Goberno investiu en Lugo 1,3 millóns de euros dende 2019 en políticas centradas nesta materia. Esta cantidade destinouse a financiar actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ademais dos fondos do Plan de Recuperación para impulsar a creación dun centro de atención 24h a vítimas de violencia sexual na provincia.