Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez destaca a aposta do Goberno pola transformación dixital das empresas da man do Plan de Recuperación, con máis de 4.000 firmas lucenses beneficiadas

A subdelegada animou a non deixar pasar a oportunidade que representan os fondos do Plan de Recuperación e afirmou que o Goberno de Pedro Sánchez “é o mellor aliado das empresas galegas”

Lugo, 11 de outubro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor os preto de 100 millóns de euros que está a investir o Goberno en Galicia a través do Plan de Recuperación para favorecer a transformación dixital das súas empresas dos que xa se teñen beneficiado máis de 25.000 firmas na comunidade, 4.000 delas na provincia de Lugo.

A subdelegada aproveitou a súa participación no acto de presentación do programa ‘Generación Digital Pymes’ na Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para destacar que o Goberno de Pedro Sánchez “é o mellor aliado das empresas galegas”. Proba diso son iniciativas como esta, que executan en Galicia a universidade privada CESUGA e a escola de finanzas EF Business School, ás que o Goberno inxecta 3,4 millóns de euros para formar en competencias dixitais a 1.300 directivos galegos ata 2025.

A Confederación de Empresarios de Lugo, en virtude dun convenio asinado coa Fundación Venancio Salcines, que está detrás das dúas institucións que imparten a formación, será a encargada de promocionar este programa do Goberno. Nesta liña, Isabel Rodríguez animou ás empresas lucenses a que non deixen pasar esta oportunidade única, e tamén a aquelas persoas que se queiran formar para ser protagonistas da transformación dixital que está a promover o Goberno cos fondos do Plan de Recuperación.

“Este Goberno segue a axudar ás empresas e aos empresarios, o que tamén contribúe á transformación da nosa economía e do noso modelo produtivo, un exemplo máis do moito que se pode facer coa colaboración público-privada”, apuntou a subdelegada.

Isabel Rodríguez salientou que o Goberno de Pedro Sánchez “está a facer do Plan de Recuperación unha ferramenta inmellorable para o crecemento empresarial”. Outros exemplos diso son os 75 millóns de euros que mobiliza no plan de Apoio ao Emprendemento Industrial, que facilita a creación de novas iniciativas industriais e o crecemento e mellora da competitividade das empresas; o Kit Dixital, que xa mobilizou 12,5 millóns a través de máis de 3.300 bonos na provincia de Lugo, ou as oficinas do programa Acelera Pyme.

A este respecto, a subdelegada lembrou que hai unhas semanas inaugurouse en Lugo un destes centros de asesoramento ás pemes e autónomos sobre ferramentas e solucións TIC. “Todas estas partidas exemplifican o noso compromiso e evidencian, unha vez máis, que este Goberno está do lado das empresas, dos empresarios e das empresarias, e vai con eles da man, poñendo enriba da mesa os investimentos que fagan falta para mellorar a súa competitividade”, concluíu.

Exit mobile version