A subdelegada manda unha mensaxe de apoio e de forza a todos os cidadáns dos concellos nos que se provocou o lume, á espera de que vaia mellorando coa chegada das precipitacións á provincia e o amaino do vento
Lugo, 13 de outubro de 2023. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, desprazouse esta mañá ata os municipios de Ribadeo e de Trabada para analizar e observar a situación vivida nestas últimas horas por mor dos incendios. A subdelegada agradeceu o labor que están a realizar todos os axentes dos distintos corpos para extinguir o lume, poñendo todos os medios ao seu alcance para sufocalos canto antes.
Rodríguez, que xa estivo na xornada de onte en Trabada, quixo enviar unha mensaxe de apoio e de forza a todos os cidadáns que se están vendo afectados pola situación, á espera de que vaia mellorando coa chegada das precipitacións á provincia e o amaino do vento.
No día de hoxe, acudiu á comandancia da Garda Civil de Ribadeo, onde mantivo un encontro con axentes deste corpo, así como coa Policía Nacional, Protección Civil, Emerxencias e o Grupos Especial de Seguridade (G.E.S) para estudar a situación e os protocolos a seguir, analizando a evolución que están a ter os incendios e as previsións meteorolóxicas.
Tamén se achegou ao posto de mando de Ribadeo, ubicado nun dos puntos delicados na zona da Devesa, xunto co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e outras autoridades. Posteriormente regresou a Trabada, onde se reuniu coa alcaldesa do concello, Mayra García, o presidente da Deputación de Lugo, Tomé Roca, e o deputado provincial Pablo Rivera.
Isabel Rodríguez remarcou o esforzo que está a facer a Garda Civil, Policía Nacional, Emerxencias e Protección Civil na súa implicación durante estas xornadas tan difíciles, destinando todos os medios para atallar este problema a través da disposición de efectivos e dando información e apoio aos veciños dos municipios cercanos ao foco, especialmente ás persoas das vivendas que se evacuaron. Tamén puxo en valor a importancia do subsector de tráfico, que estivo alerta en todo o referido ás estradas, habilitando os cortes necesarios para protexer á cidadanía.