A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que “o luns instalouse na zona de xogos infantís do parque de San Francisco unha caseta de lectura. É unha iniciativa deseñada polo obradoiro de emprego Vilas Coidadoras, na especialidade de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais. Queremos agradecer ao alumnado e ao profesorado todo o traballo levado a cabo”.
A edil ribadense indicou: “búscase que esta caseta de intercambio de libros gratis se converta nun espazo solidario cheo de contos que transmitan a maxia pola lectura a toda a cidadanía, especialmente aos pícaros; que fagamos noso este espazo, sentíndoo como unha prolongación da propia casa e que ao seu redor se potencie o sentido de comunidade e de veciñanza”.
Sanjurjo subliñou que “o Concello de Ribadeo reforza así o seu obxectivo de proporcionar acceso aos libros a toda a cidadanía, a través desta pequena biblioteca aberta 24 horas sete días á semana. Cremos que a súa colocación nun lugar de paso como o parque facilitará o intercambio de libros e a creación dun espazo de encontro, onde as persoas poderán compartir lecturas de maneira altruísta. Calquera pode ir alí e deixar un libro para que sexa lido por outra persoa”.
E engadiu que “os pícaros e pícaras que estaban no parque estes días xa lle deron bo uso. Esperemos que a cidadanía respecte a caseta e siga o seu exemplo”.