Cervo, 31 de outubro de 2023. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participaron hoxe na inauguración oficial da nova pista de atletismo da Veiga, en Cervo, que contou cunha achega de 350.000 euros por parte da Xunta en colaboración co concello. O investimento total ascendeu a 560.000 euros e permitiu que a comarca da Mariña conte coa súa primeira pista de atletismo homologada.
Ao acto de inauguración asistiron tamén o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Nas novas instalacións xa estiveron adestrando esta mañá dous atletas olímpicos: o viveirense Adrián Ben e o palentino Óscar Husillos. Ambos interviñeron tamén con Guillermo Sandino, xuíz internacional de atletismo, nunha charla posterior sobre deporte. Ademais, o evento rematou cunha carreira de relevos entre o club deportivo San Ciprián e o club de atletismo Maderas Barcia de Cervo, que contou con Victor Riobó, exatleta internacional de medio fondo.
As actuacións levadas a cabo na nova pista incluíron, por unha parte, a renovación do pavimento con material homologado en base as directrices de organismos oficiais, así como as reparacións necesarias no espazo de obstáculos para carreira de 3.000 metros e na área de salto de altura. Tamén se realizaron melloras na rede de saneamento e nos sistemas de drenaxe.
Por outra parte, ampliáronse as instalacións con novas construcións como unha área de lanzamento de peso, outra para salto con pértega, e unha zona de salto de altura e triplo salto. Todas as melloras, tal e como destacou o vicepresidente primeiro, contribuíron a que o concello de Cervo conte cunha pista homologada para competicións de alto nivel.
As novas pistas forman parte do complexo deportivo da Veiga, no que a Xunta tamén investiu este ano máis de 48.600 euros, entre as axudas destinadas a melloras de infraestruturas deportivas de titularidade municipal para actuacións no campo de fútbol e a dotación de equipamento ao ximnasio municipal.
Nesta liña, o Goberno galego continua co seu compromiso coa renovación do mapa de infraestruturas de atletismo de Galicia. Así, a instalacións como a pista de atletismo da Universidade de Santiago de Compostela, a da Estrada ou o módulo cuberto do IFEVI de Vigo sumarase o novo módulo cuberto de Ribeira, ao que a Xunta reserva 1,4 millóns de euros nos orzamentos de 2024.
As contas do próximo ano destinarán 17,5 millóns, en xeral, a infraestruturas deportivas, tanto con novas axudas para as instalacións municipais como para poñer en marcha e continuar proxectos como a Cidade do Deporte de Ferrol ou o parque acuático de Monterrei.
Na súa intervención, Diego Calvo incidiu en que na nova pista de Cervo teñen moito que ver os recentes éxitos do atleta Adrián Ben, que acadou un diploma olímpico nos 800 metros dos pasados Xogos de Toquío, onde rematou en quinta posición. Este ano sumou novos fitos co campionato de Europa en pista cuberta en 800 metros e o cuarto posto no Mundial de 800 metros. É ademais un dos 72 atletas recoñecidos pola Xunta, dentro dos 817 deportistas de alto nivel.
Os deportistas de alto nivel supoñen o 80% do máis dun milleiro de deportistas galegos recoñecidos, aos que se suman os de alto rendemento, de rendemento deportivo de base, técnicos, árbitros, xuíces e vitalicios. Como lembrou o vicepresidente primeiro, trátase dunha cifra récord, xa que “nunca antes houbo un número tan elevado de deportistas recoñecidos, nin sequera de alto nivel”.
Co obxectivo de manter o apoio aos deportistas galegos, incluídos os que se están a preparar para clasificarse para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos do próximo ano en París, a Xunta destinará 600.000 euros a unha nova convocatoria de axudas DGAN dirixidas a deportistas galegos e galegas de alto nivel.