Ribadeo, 25 de outubro de 2023. Unha ducia de locais hostaleiros participan na sexta edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo do 27 ao 29 de outubro. Están organizadas por Acisa.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “desde Acisa seguimos apostando polas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo, que se van celebrar do venres ao domingo, como actividade dinamizadora da nosa hostalaría. Con elas queremos render así homenaxe á veciñanza asturiana, que todas as fins de semana do ano se achega ata Ribadeo a tomar os viños, os vermús, a comer, a cear, a pasear ou a mercar no comercio local. A súa presenza é moi importante para nós e por iso volven un ano mais estas xornadas”.
Cruzado Iglesias explicou que “son 12 os locais participantes, que ofrecerán tapas, racións e menús especiais ao longo da vindeira fin de semana. As diferentes propostas gastronómicas asturianas poderanse encontrar nos seguintes establecementos hostaleiros: Galipizza, La Solana, Queimada, O Indiano, Mareta, A Horta de San Roque, La Bugalla, La Flor de Jose, Asador La Quinta, Costa Verde, O Alén e O Lar de Manolo”.
E engadiu que “todas as propostas gastronómicas dos locais participantes poden consultarse nas redes sociais de Acisa. Hai moita variedade de elaboracións con fabas, cachopos, pratos preparados con sidra como o chourizo ou a pescada outros nos que o queixo Cabrales será protagonista. Haberá tapas de cortesía ou de pago, así como racións e menús especiais para esa fin de semana”.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo anima “a galegos e asturianos a achegarse a Ribadeo do 27 ao 29 de outubro a saborear todas as exquisiteces que a nosa hostalería ten preparadas nestas sextas xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo”.
Samaín
Acisa Ribadeo e Kids&Us organizan o 28 de outubro unha nova actividade infantil chamada Trick or treat, que se desenvolverá polos locais asociados ao colectivo empresarial.
El gerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “esta actividade busca entreter e divertir aos máis pequenos da casa coa tradición anglosaxona do truco ou trato, con motivo da celebración do Samaín ou Halloween. Desde Acisa gústanos levar adiante propostas que ademais sirvan para que pais e nais poidan dedicarse un pouco de tempo a eles mesmos, mentres as nenas e os nenos gozan desta iniciativa que facemos da man dun dos nosos asociados como é o caso de Kids&Us”.
Máis aforro
Pérez Prada lembrou que “as xornadas Asturias en Ribadeo coinciden coas campaña das Panchas do Concello de Ribadeo e coa tarxeta aforro no combustible de Acisa. Polo que de paso que desfrutamos dunha fin de semana gastronómica diferente, podemos recordar que contamos con 102 negocios, tanto de comercio como de hostalería, para poder facer uso das Panchas do Concello de Ribadeo, campaña coa que colaboramos desde Acisa, e na que calquera persoa de calquera cidade pode facerse coa moeda local ribadense e vir ata decembro a consumila. E por último coas compras ou consumicións realizadas estes días os clientes obterán unha tarxeta desconto de 0.09 euros por litro, para empregar na estación de servizo de Valcarce. Animamos a aproveitar todas estas campañas e descontos, que son moi atractivas e que o que fan é dinamizar a economía local”.