Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz inaugura este venres o ciclo de proxeccións do documental “Xove, Democracia Nuclear”, promovido pola Vicepresidencia da Deputación

O audiovisual, do xornalista Pedro Lechuga, documenta as mobilizacións contra o proxecto nuclear de Fenosa en Xove nos anos 70

Lugo, 4 de outubro. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Asociación de Prensa de Lugo e o xornalista Pedro Lechuga presentaron o documental “Xove, Democracia Nuclear” – sobre a mobilización social contra o proxecto de construción dunha central nuclear en Regodela nos anos setenta – e o ciclo de proxeccións co que se comezará a súa difusión, con pases en doce localidades en colaboración con colectivos locais.

O Cenima de Foz acollerá este venres (20.00 horas) a primeira proxección da man de A Pomba do Arco. Seguirán proxeccións en Burela, o 21 de octubre; en San Cibrao (Cervo), o 28 de outubro; en Vilalba, o 10 de novembro; en Sarria, o 12 de novembro; en Ferreira do Valadouro, o 25 de novembro; en Barreiros, o 25 de novembro; en Xove, o 1 de decembro; no Vicedo, o 16 de decembro; así como en Ribadeo e Lugo, en datas aínda por concretar.

O documental, dirixido por Pedro Lechuga coa colaboración da Asociación de Prensa de Lugo na producíon e gravación, recolle testemuñas das historias vividas na Mariña despois de que en novembro de 1973 se fixera público, a través dos medios de comunicación, o proxecto de construción da central nuclear.

Os acontecementos son contados por quince persoas que participaron e foron testemuñas mobilización que parou o proxecto de Fenosa. Os testemuños de veciñas e veciños, persoas afiliadas de Comisións Labregas e outras organizacións nacionalistas, xornalistas, historiadores e representantes políticos naquel periodo – na etapa final da ditadura franquista- fían o documental, ao que pon voz a xornalista lucense Lourdes Abuide.

O documental forma parte do proxecto a nivel estatal ‘Democracia Nuclear’, que recupera as historias das diferentes mobilizacións antinucleares xurdidas en España nos anos setenta, tal e como explicou na presentación Pedro Lechuga. “A orixe deste documental está na fase de documentación que realizamos cando estabamos a traballar no de Valencia de Don Juan, nese momento interesámonos por outras localidades de España nas que tamén houbera movementos similares e o caso de Xove pareceunos moi interesante, motivo polo cal comezamos a solicitar información e planificar a gravación durante o pasado verán, contando coa inestimable axuda da xornalista Dolores Cela”.

Pedro Lechuga destacou a importancia de acometer este tipo de proxectos “xa que o que non podemos permitirnos como sociedade é perder os testemuños das persoas que protagonizaron parte da historia, neste caso de Galicia, motivo polo cal e debido á avanzada idade dalgúns deles é clave poder gravar os seus testemuños para que deste xeito queden para a posteridade”.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “a Vicepresidencia da Deputación comprometeu o apoio ao documental desde que o seu director e a Asociación de Prensa de Lugo nos presentaron o proxecto, a través da colaboración con este ciclo de proxeccións que contribuirán a que se coñeza un momento histórico na loita popular e ecoloxista na Mariña e en Galiza”. “Cremos que as proxeccións que comezan en Foz o día 6 son unha boa canle para dar a coñecer á xente máis nova o que supuxeron as mobilizacións e a organización social fronte a aquel proxecto, nun momento da historia no que aínda viviamos baixo a sombra da ditadura franquista”, expuxo.

O deputado de Medio Rural Daniel García lembrou que “as mobilizacións contra a nuclear supuxeron un fito na historia da loita ecoloxista pero tamén do nacionalismo e do sindicalismo agrario na Mariña Lucense” e valorou a oportunidade da produción e difusión deste documental. “A dialéctica entre a produción de enerxía e a conservación do territorio, da actividade agrogandeira ou pesqueira, é unha cuestión que se ven reproducindo, con outros protagonistas e en contextos distintos, ao longo desta décadas. Cremos que é moi positivo que estas cuestións estean presentes no debate público, e que se poñan ademais, como o fai esta peza documental, cunha análise en profundidade”.

A presidenta da Asociación de Prensa de Lugo Carmen Úz lembrou que “o proxecto da nuclear de xove e as moblizacións contra ela foron amplamente cuberta no seu momento polos medios de comunicación, especialmente polos locais, pero este traballo aporta unha visión conxunta e, sobre todo perspectiva” e valorou que “o documental mostre como tamén daquela había visión contraditorias sobre este proxecto nuclear. Aínda que se impuxo a oposicíon, tamén había quen o vía como unha posilidade de vender terras ou atopar empregos”.

As proxeccións realizaranse coa colaboración de concellos e colectivos culturais locais das distintas localidades.

Exit mobile version