Mondoñedo, 23 de outubro, 2023. O vindeiro día 25 de outubro, terá lugar, no Salón de Plenos da Casa Consistorial do Concello de Mondoñedo, a partir das 12h, a entrega do I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro que recaeu en Antón Riveiro Coello coa obra “Hotel Carioca” e, seguidamente, procederase ao acto de presentación do libro.
Trátase dunha novela plural, que fai converxer as augas de diversas subtramas, nas que os sucesos acontecidos no gurgullante Brasil dialogan, nun vitral de espellos, coas circunstancias da Galicia máis próxima.
O galardoado, Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é autor de novelas tan coñecidas como A quinta de Saler (Finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester, 1999), Animalia (Premio Café Dublín, 1999), As rulas de Bakunin (Premio García Barros de Novela, 2000), Laura no deserto (Premio da Crítica Española, 2011) ou O paraíso dos inocentes (Premio Torrente Ballester, 2020), entre outras. Articulista, poeta ocasional e escritor de relatos, Riveiro Coello é un dos grandes nomes da literatura galega dos últimos anos.
Ao acto, presidido polo Sr. Alcalde –Presidente do Excmo. Concello de Mondoñedo, asistirán membros da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia, que publica a obra, e outras autoridades.