A dimisión vén motivada polo seu desexo de reincorporarse ao centro de saúde antes da súa xubilación, “logo de ter acadado dúas alcaldías progresistas para Vilalba e ser o momento indicado de dar o relevo”
Vilalba, 2 de outubro de 2023. O PSOE de Vilalba comunica a dimisión da alcaldesa Elba Veleiro, que vén de reununciar ao cargo na sesión plenaria celebrada na tarde deste luns 2 de outubro. A rexedora tomou a palabra antes do remate do pleno para informar da renuncia á acta ante a corporación.
Veleiro pon fin a dezaseis anos de actividade política como primeira alcaldesa na democracia en Vilalba, argumentando a súa vontade de incorporarse de novo ao seu posto no centro de saúde antes da súa xubilación. Motivou a súa decisión en base a tres cuestións fundamentais: o cumprimento do encargo asumido de conseguir dúas alcaldías progresistas para Vilalba e arrebatar o poder ao PP na localidade despois de máis de 40 anos; a idoneidade do momento para dar relevo a un equipo consolidade e forte; e finalmente o seu desexo de volver á súa profesión e rematar alí a súa vida laboral, “nun momento no que fan falta profesionais, porque como todos sabedes o meu cupo de pacientes leva sen cubrirse desde finais do 2022”.
Desde a Agrupación Socialista de Vilalba, a través do seu secretario xeral, Eduardo Vidal, quixeron facer un agradecemento expreso “á conduta e compromiso intachable da compañeira Elba, así como un recoñecemento á súa figura como persoa que durante varias lexislaturas encabezou o equipo que nos levou a conseguir o fito histórico de que o Partido Socialista gobernara por primeira vez en Vilalba”.
Nesta liña, aseguraron coñecer “a súa dedicación plena aos demais, polo que respectamos a súa decisión de continuar nesa senda dende o que realmente lle apaixoa, o servizo público, agora dende a sanidade”. Engadiron que “ten e seguirá tendo o recoñecemento do Partido Socialista, entre outras cousas porque sabemos que dende o lugar no que se atope seguirá apoiando as ideas de progreso, solidariedade e igualdade, pois foron as que levaron aos socialistas vilalbeses, con ela á cabeza, ás máis altas responsabilidades de goberno”.
Relevo
A proposta do Grupo Municipal Socialista sinala á actual secretaria de organización da Agrupación e segunda tenente de alcaldesa, Marta Rouco, para coller o relevo na alcaldía, cuestión que foi ratificada por unanimidade pola Comisión Executiva Local.
Os socialistas sitúan á número dous nos pasados comicios electorais como a responsable de asumir o bastón de mando “pola súa capacidade de xestión, experiencia na administración local e coñecemento da realidade social vilalbesa”. Con esta decisión, o PSOE asegura a continuidade da acción política progresista no concello, sempre coa perspectiva de acadar as mellores condicións de vida para a maioría das persoas.
Marta Rouco, natural de Goiriz, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, cun mestrado en Administración Financieira e Tributaria expedido pola mesma universidade.
Ocupou postos de xestión e administración en distintas sucursais bancarias, traballando durante oito anos nunha mutua colaboradora coa Seguridade Social. Actualmente, é a xerente do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incencios e salvamento.