Ribadeo, 18 de outubro de 2023. Estes días deron comezo as obras de mellora da rúa do Pipelo, que suporán un investimento de 183.000 euros. O alcalde, Dani Vega, agradece a colaboración da Deputación de Lugo.
O rexedor explicou que “comezamos unha reforma importante, unha mellora para todo o conxunto do casco histórico como é investir máis de 183.000 euros na rúa do Pipelo. Destacar a colaboración da Deputación, queremos agradecer esta liña de traballo conxunto, de xestión conxunta e de inversión para Ribadeo”.
Vega declarou: “eu sempre o digo, desde o goberno sempre o dixemos, que hai que xestionar en todas as administracións. O importante é que veña o orzamento para Ribadeo e nese traballo continuo estamos”.
O alcalde considera que “a rúa do Pipelo necesitaba unha transformación, unha mellora. Nosoutros sempre dixemos que había que seguir avanzando para mellorar o conxunto do casco histórico. Neste caso na rúa do Pipelo vaise renovar todo o pavimento, vaise aplicar un novo formigón, vamos arranxar o muro e as dúas entradas do aparcamento, vamos mellorar tamén a beirarrúa. Ese vieiro contará con nova iluminación e vamos humanizar toda a contorna con plantas, árbores… seguiremos dando pasos importantes para mellorar o casco histórico”.
Dani Vega indicou que “grazas á Deputación de Lugo melloraremos esta zona de Ribadeo, onde temos a escola infantil e o centro de día. E creo que é importante seguir dando pasos nesa colaboración institucional. Repito, o importante é que veña orzamento para o concello, seguir avanzando e mellorando o casco histórico e estes 183.000 euros significan un avance moi importante”.
O prazo de execución das obras será de 4 meses.