O alcalde asegura que se trata dunha infraestrutura moi empregada pola veciñanza e polas empresas da zona
Ribadeo, 20 de outubro de 2023. Estes días dan comezo as obras de mellora da estrada de Noceda, que suporán un investimento de 120.000 euros. O alcalde, Dani Vega, considera que se trata dunha infraestrutura “fundamental e estratéxica para Ribadeo”.
O rexedor contou que “comezan as obras da estrada de Noceda, unha infraestrutura necesaria e fundamental xa que vertebra o rural da costa co do interior. Une as parroquias, comunica o noso rural e é usada por moitos veciños e moitas empresas”.
Dani Vega dixo que “hai que pensar que a inversión debe vir sempre baixo unha planificación orzamentaria, pero tamén nunha concreción de obras durante os seguintes anos”.
O alcalde indicou que “quixemos concretar esta inversión e así concluír unha estrada onde estes anos anteriores se veu investindo para mellorala. Hai que destacar que é unha estrada que vertebra todo o rural, polo que debemos mellorar a comunicación e os puntos críticos que ten este vieiro baixando a Noceda, hai certas curvas que teñen risco”.
Vega subliñou que “son 120.000 euros de investimento para a mellora desta estrada fundamental e estratéxica para Ribadeo”.
Ata ese vieiro se desprazaron hai uns días o alcalde, Dani Vega, a directora xeral do Agader, Inés Sante, e o concelleiro de Medio Rural, Medio Ambiente e Infraestruturas, Diego Dos Santos.