A cita, foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, polo edil de Zona Rural, Adrián Arias, e por unha representación da asociación Cabaleiros do Xunco, que organiza a festa coa colaboración do Concello de Cervo, e da Comunidade de Montes Medela e Rozada.
Os festexos comezarán o sábado 7 ás 13:00 horas coa Misa Solemne cantada polo Coro Parroquial de Cervo e a posterior procesión. A continuación haberá sesión vermú a cargo do Grupo Fénix; que repetirá na verbena co Grupo Pasión, a partir das 22:00 horas.
Xa o domingo 8 haberá misa solemne de novo ás 13:00 horas cantada polo Coro Parroquial de Cervo. A continuación terá lugar a procesión acompañada polo grupo Fol do Raxal, seguida da sesión vermú amenizada polo Dúo Belinda.
O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza e visitantes, a que gocen destas dúas xornadas festivas na parroquia de Castelo.