Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “As Nacións Unidas e o conflito árabe-israelí”, por Xoán Antón Pérez Lema

Dicíamos hai unha semana que dende 1904 até 1948 unha potente operación sionista asentou no territorio da Terra Santa centos de milleiros de persoas xudías. Dicíamos tamén que ese sionismo queria rachar cunha tradición de dous mil anos de submisión dos xudeus aos reinos e estados cristiáns e árabes da Europa, Norte de África e Próximo Oriente.

As Nacións Unidas (ONU) decidiron en novembro de 1947 o remate do mandato británico para a administración de Palestina encargado pola Liga das Nacións de 1919 e a división do território entre un Estado de Israel, poboado por 550.000 persoas xudías e 400.000 árabes e un Estado de Palestina poboado por 800.000 palestinianos e 10.000 xudeus. Xerusalén, Belén e outros lugares próximos, poboados por unhas 200.000 persoas, metade árabes, metade israelíes, haberían ser administrados internacionalmente. Esta decisión foi rexeitada polos países árabes (erro criminal decidido sen consultaren cos palestinianos) e criticada polos sionistas, malia que foi aceptada polo Goberno israelí.

A guerra de 1948 exiliou entre 750.000 e 800.000 palestinianos e os xudeus ocuparon de xeito efectivo máis território ca o definido como espazo físico para o seu Estado. Xa que logo, outravolta a ONU decidiu en decembro de 1948 o dereito dos palestinianos de escoller entre a súa volta en paz aos seus fogares ou recibir unha compensación económica pola privación das súas propiedades, vivendas e proxecto vital. Israel nunca cumpriu este mandato da ONU.

Despois da Guerra dos Seis Días, no 1967, Israel ocupou territorios (consonte coa resolución das Nacións Unidas de 1947) legalmente pertencentes aos palestinianos árabes (a franxa de Gaza, Xerusalén Leste e Cisxordania). Xerusalén Leste foi anexado a Israel (1980) e declarada a Cidade no seu conxunto como capital do Estado de Israel. Mais de 500.000 novos palestinianos ficaron exiliados dos seus fogares. A ONU, na fin de 1967, requiriu de Israel a fin da violencia e maila evacuación dos Territorios Ocupados. Mais o Goberno israelí incumpriu abertamente este mandato internacional desenvolvendo dende a fin dos anos 60 do século pasado unha política de asentamentos nos devanditos territorios ocupados, só parcialmente suspendida na área de Gaza e nalgunhas zonas de Cisxordania (1995-2005). As Administracións dirixidas polo Likud dos últimos vinte anos seguiron a potenciar esta política de asentamentos sionistas.

Xa que logo Israel incumpre abertamente os mandatos da comunidade internacional dende 1949, tanto no que atinxe ao retorno das persoas exiliadas canto ao desaloxo das colonias xudías nos territorios ocupados. Como potencia ocupante, ademais, é responsábel de protexer as poboacións palestinianas na Franxa de Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste, mais case nunca adoitou distinguir entre poboación civil e belixerantes.

Exit mobile version