Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “As claves do acordo de investidura BNG-PSOE”, por Xoán Antón Pérez Lema

Teño escrito que o PSOE vai moi rápido para asinar os pactos e moi amodiño para cumprilos. En realidade está no seu ADN xustificar os seus trasacordos no cabal cumprimento do asinado, nomeadamente cando pacta co soberanismos galego, mais tamen co catalán ou vasco.

Porén, desta volta paira algo distinto no ambiente. A crise da investidura coincide coa proximidade das eleccións nacionais galegas. E semella que Sánchez e Gómez Besteiro apostan pola alternativa dual BNG-PSdeG para substituir á dereita no Goberno galego despois de 14 anos de deterioración relativa e perda de oportunidades de Galicia. Tamén é certo que o BNG enfrontou a negociación con intelixencia, consciente da prescindibilidade da súa representación parlamentaria estatal, mais tamèn tanto da proximidade crítica do proceso electoral galego como da apertura do debate territorial, mesmo da posíbel mutación estrutural do Estado, como propuxo o lehendekari Urkullu.

Deixaremos para as vindeiras semans a análise deste principio de acordo (aínda non definitivo) canto ás melloras viarias e ferroviarias, sociais e de rendas e nas políticas de igualdade e promoción do galego. Hoxe enxergaremos tres cláusulas xerais do pacto, fulcrais canto á ampliación do autogoberno e mellora do financiamento.

A primeira é equiparar Galicia, como nacionalidade recoñecida canda Euskadi e Catalunya, con calquera recoñecemento dun novo status a calquera destas dúas nacións. Cando só achegamos o 5,5% do PIB e o 5,2% da poboación estatais e os nosos alicerces económicos son prescindíbeis para o Estado xogarmos en rexional no canto de facelo na liga das nacións é suicida para os intereses galegos.

A segunda é a disposicíón para transferír nesta lexisltura todos os medios e servizos referidos ás competencias do Estatuto e demáis materias onde o Parlamento de Galicia teña chegado a un cordo unánime. Neste senso, se Rueda quere, haberá Comisión Mixta de Transferencias antes da fin de 2023. A listaxe competencial é longa e substantiva: i) o ordenamento do litoral, ii) o traspaso da AP-9 e da AP-53 por decorrer integramente no territorio galego e existir vixente un acordo parlamentario unánime, iii) o ordenamento do sector pesqueiro, a inspección de traballo, as competencias executivas en salvamento marítimo. iv) a inspección da Seguridade Social e máis axestión do seu réxime económico no territorio galego. Tamén a xestión de bolsas e axudas ao estudo e maila xestión dos museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal (traspasos de servizos pactados xa polo vicepresidente Anxo Quintana (BNG) en 2008 que nin Feijóo nin Rueda quixeron asumir).

A terceira é financeira e moi potente. Calquera reducion da débeda catalá ou de calquera outro territorio do Fondo de Liquidez Autonómico (FLA) requirirá de medidas análogas de compensación equivalente para ó noso país, tendo en conta que dos 12.333 M€ da débeda pública galega só 2.759 se lle adebedan ao Fondo estatal, pois que Feijóo preferiu pagar xuros aos bancos no canto de se financiar ao 0% co FLA.

Ademáis o acordo só compromete ao BNG para a investidura de Sánchez. Nin os Orzamentos nin a propia lexislatura.

Exit mobile version