A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe este espazo protexido
Máis polo miúdo, a directora xeral explicou desa cifra global, que supón un 15% máis que nos mesmos períodos do ano anterior, máis de 206.000 corresponden aos meses de verán e preto de 18.000 aos días de Semana Santa.
Logo de salientar que o número de autorizacións emitidas durante este verán superou as 260.000, Do Campo fixo fincapé na importancia de combinar o uso e desfrute desta contorna coa súa preservación e, nesa liña, lembrou a obrigatoriedade de cumprir a normativa de uso público establecida para este monumento natural.
Nesa liña, o plan de conservación deste monumento natural inclúe limitacións de acceso a este espazo protexido durante períodos de alta afluencia. Durante a Semana Santa e os meses de xullo, agosto setembro só poden acceder a este espazo protexido un máximo de 4.812 persoas cada xornada, co fin de facer compatible o uso público coa preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural.
Neses períodos, as entradas poden reservarse, de xeito totalmente gratuíto, na páxina web habilitada a tal efecto ou a través de diferentes entidades públicas e privadas autorizadas para distribuílas, como o Clúster de Turismo, a Mancomunidade de Municipios da Mariña, establecementos hoteleiros, os taxistas de Ribadeo e outros operadores de transporte colectivo.
A maiores, cómpre lembrar que os visitantes non poden ir por fóra dos camiños, sendeiros, miradoiros e áreas de descanso; recoller especies de fauna e flora; tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, nin realizar escalada ou actividades similares. Nese senso, a directora xeral puxo en valor o traballo realizado tanto polo persoal de control de acceso como polos axentes e vixiantes de recursos naturais.
A Praia das Catedrais, que foi declarada monumento natural no ano 2005, está situada no extremo oriental da provincia de Lugo, dentro do termo municipal de Ribadeo, e está constituída por unha serie de cantís e praias. A intensa erosión exercida polo mar sobre eses cantís dá lugar, de maneira progresiva, á formación dun sistema de covas, bufadores e grandes arcos.
É un dos tres monumentos naturais que se localizan na provincia de Lugo, onde tamén teñen esa consideración o Souto da Retorta (Viveiro) e o pregamento xeolóxico de Campozola-Leixazós (Quiroga).