Site icon Crónica3.com A Mariña

AFAN Burela presenta o documental ‘Tengo Alzheimer, pero sigo siendo yo’

Está protagonizado por cinco membros do Panel de Expertos de Persoas con Alzheimer (PEPA), un grupo promovido pola Confederación Española de Alzheimer e outras Demencias (CEAFA) e formado por persoas menores de 65 anos diagnosticadas de Alzheimer temperán

Burela, 2 de outubro, 2023. AFAN Burela pon o broche final aos seus actos públicos para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer este xoves, 5 de outubro, ás 18:00h, no Auditorio da Casa da Cultura de Burela, coa proxección do documental ‘Tengo Alzheimer, pero sigo siendo yo’, unha peza audiovisual que mostra o impacto da comunicación do diagnóstico nos pacientes, pero tamén como cambia a súa vida, os seus medos, desafíos e loitan día a día contra a enfermidade.

Ildefonso Fernández, Jose Antonio García, Kina García, Julio Senén e Salvador Sobrino son os cinco protagonistas e membros do Panel de Expertos de Persoas con Alzheimer (PEPA), un grupo promovido por CEAFA e formado por persoas menores de 65 anos diagnosticadas de Alzheimer temperán.

O documental expón preguntas ao redor da enfermidade como: “que pensarías se che digo que tes Alzheimer? Como reaccionarías? E se fose alguén próximo?.

A través dos seus testemuños, os protagonistas, familiares e profesionais médicos tratan de compartir a súa experiencia e coñecementos sobre a enfermidade, así como visibilizar o que supón recibir esta noticia para as súas vidas.

Investigación para o diagnóstico temperán

Este ano, no Día Mundial do Alzheimer, baixo o lema ‘Integrando a innovación’, CEAFA centrou a atención nunha das cuestións prioritarias, pero, á vez, máis complexas de poñer encima da mesa: a innovación.

Neste sentido, a entidade segue reivindicando a necesidade de investir e investigar para que se poida realizar un diagnóstico temperán e poder actuar canto antes na retardación desta enfermidade, que aínda non ten cura, mellorando a calidade de vida dos pacientes e a súa contorna.

Que é o PEPA?

O PEPA nace a iniciativa de CEAFA no ano 2017, seguindo experiencias desenvolvidas noutros países da nosa contorna, para responder á necesidade de contar coa experiencia e perspectiva das persoas con Alzheimer e outras demencias. O panel é un órgano consultivo e promotor de iniciativas da Confederación, realizando achegas axustadas á súa realidade, á súa experiencia, de temas que lles inflúen directamente a eles, á súa contorna familiar e, por extensión, ao conxunto da sociedade. Inspira ideas e accións, encamiñadas a resolver as necesidades das persoas que conviven coa demencia.

Exit mobile version