Site icon Crónica3.com A Mariña

Adrián Ben inaugurará as novas pistas de atletismo do complexo deportivo da Veiga

As instalacións xa poden ser utilizadas, de momento en exclusiva, polo Club Deportivo San Ciprián, e polo Maderas Barcia Cervo, que serán os primeiros en poñer en práctica as normas de uso da instalación municipal que entre todos/as debemos coidar para garantir o seu mantemento

Cervo, 17 de outubro de 2023. O Concello de Cervo vén de recepcionar as obras das que son as únicas pistas homologadas de atletismo da Mariña, situadas no Complexo Deportivo da Veiga, en San Cibrao.

A rexedora, Dolores García Caramés, e o edil de Deportes, David Rodríguez, mantiveron un encontro cos directivos dos dous clubs locais de atletismo -o Club Deportivo San Ciprián e o Maderas Barcia Cervo-, que serán os primeiros en facer uso das novas instalación en exclusiva, polo momento, “nunha primeira toma de contacto coas pistas para que sexan eles os primeiros en poñer en práctica as normas de uso da instalación municipal que entre todos/as debemos coidar para garantir o seu futuro e o seu mantemento”, expresou a rexedora.

Así mesmo, Caramés xa anunciou que xa está fixado o próximo 31 de outubro, como data para inauguración oficial das pistas de atletismo, “e ese día teremos o privilexio de ter con nós ao atleta Adrián Ben”, para o que Caramés tamén quixo ter unhas palabras de agradecemento pola súa disposición, “xa que desde o minuto un quixo estar con nós neste día tan importante para Cervo; é todo un orgullo que un atleta con ese incrible palmarés, inaugure estas pistas que poñemos, por suposto, á súa enteira disposición, como así llo trasladamos, loxicamente”.

A rexedora, quixo expresar unha vez máis “a satisfacción enorme” de ver como Cervo se converte no epicentro do atletismo da Mariña e fixo fincapé na colaboración e implicación de todos/as para salvagardar estas instalacións privilexiadas que puidemos materializar “grazas á optimización dos recursos deportivos existentes e á inestimable colaboración da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte”.

Exit mobile version