Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta sinala que “o bloqueo da autovía da Mariña polo goberno do estado dificulta a eficacia da VAC da Costa Norte e a accesibilidade dos concellos”

A Xunta puxo en servizo o treito Celeiro-San Cibrao, cun investimento de 50 M€, e a Variante de Ortigueira, coa mobilización doutros 50 M€, e está supervisando o proxecto do treito entre a AG-64 e Sanguiñeira

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023. A Xunta lembra que o bloqueo da autovía da Mariña, a A-74, por parte do Goberno de España, está a dificultar a funcionalidade do treito da VAC da Costa Norte executado polo Executivo autonómico, así como a mellora da accesibilidade dos concellos desta área.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, indicou na Comisión 2ª do Parlamento que a VAC da Costa Norte que está a impulsar a Xunta ten como obxectivos mellorar a accesibilidade das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra e unha alternativa para o tráfico de longo percorrido.

Explicou que a infraestrutura autonómica non pode acadar estes obxectivos sen a autovía da Mariña, que depende do Estado, e sen a variante de Viveiro, cuxa execución na configuración aprobada non foi apoiada polo Concello.

Lamentou que pese as reiteracións da Xunta, o Executivo non avance na A-74, que vertebraría A Mariña desde San Cibrao, en Cervo, cara a Barreiros, onde entronca coa A-8.

Apuntou que esta autovía estatal non ten ningún quilómetro en servizo nin existen previsións para a súa execución, xa que os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 só recollen partidas simbólicas e eliminan as proxeccións plurianuais que estaba nos Presupostos de 2018.

Francisco Menéndez censurou que o Goberno, que reservou o 78% dos Fondos Next Generation para actuacións propias no eido da mobilidade, non permitise a aplicación destes fondos neste tipo de infraestruturas estratéxicas, e lembrou que o Executivo central excluíu actuacións como a citada vía de altas prestacións ou a mellora da rede de estradas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña dos fondos europeos do Plan de Recuperación e Resiliencia.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas incidiu, ademais, na dificultade de avanzar no treito da Variante de Viveiro da VAC Costa Norte por mor da oposición do Concello, primeiro á inclusión do enlace de Magazos no trazado para garantir a súa funcionalidade e, despois, á proposta da Xunta de construír unha nova ponte sobre a ría, evitando o rodeo da variante proxectada.

Francisco Menéndez lembrou que, en plena crise económica, a Xunta puxo en servizo o treito entre Celeiro e San Cibrao, grazas a un investimento de 50 M€, e tamén a Variante de Ortigueira, coa mobilización doutros 50 M€, e está supervisando o proxecto do treito entre a AG-64 e Sanguiñeira.

Mellora das estradas autonómicas

O director da Axencia Galega de Infraestruturas explicou que para reforzar a accesibilidade das citadas comarcas, ademais da execución da VAC da Costa Norte, tamén é necesaria a mellora das estradas autonómicas na área.

Neste sentido, destacou que a Xunta xa acometeu o acondicionamento da estrada AC-100, en Mañón; da AC-566, en Valdoviño; ou da AC-110 nas Somozas.

Remarcou que o Goberno galego tamén rematou a primeira fase de mellora da AC-862, que comunica Ortigueira con Ferrol, e ten en plena execución a segunda fase, á que destina un orzamento de 15 M€.

Indicou que tamén se está a avanzar na tramitación do proxecto de acondicionamento da LU-540 entre Viveiro e Cabreiros, máis coñecida como a estrada da Gañidoira, que suporá un investimento total por parte da Xunta de preto de 14 M€, e que mellorará a conexión da Mariña lucense coa cidade de Lugo.

Exit mobile version