O conselleiro do Medio Rural reuniuse cos alcaldes dos tres municipios afectados polos incendios forestais rexistrados recentemente na Mariña luguesa
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polos directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse este mediodía co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, a alcaldesa de Trabada, Mayra García, e co alcalde de Foz, Francisco Cajoto.
O obxectivo do encontro foi o de abordar a situación creada tras os lumes que se rexistraron recentemente nos montes destes municipios da Mariña luguesa e analizar as diferentes liñas de colaboración para a recuperación do territorio afectado.
Na xuntanza avanzouse que por parte da Consellería do Medio Rural elaborarase un informe técnico sobre o estado da masa arborada afectada. Esta información detallada servirá para planificar as actuacións oportunas en relación coa recuperación post incendio. Ademais, programaranse diferentes charlas cos propietarios forestais afectados para axudalos a optimizar a xestión das áreas das que son titulares.
A maiores, abordarase cos diferentes organismos sectoriais implicados a axilización das cortas de madeira, co fin de aproveitar este recurso da mellor maneira posible. No encontro tratouse tamén, cun enfoque máis a longo prazo, a planificación integral do territorio, na procura de avanzar cara a fórmulas que afonden en seguir mellorando a xestión forestal, cun enfoque sustentable tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental.