O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuníronse esta tarde con representantes das industrias lácteas
Segundo explicou o conselleiro, esta reunión forma parte da rolda de contactos que vén mantendo a Xunta con todos os axentes sectoriais. Neste caso, falou da necesidade de trasladar unha serie de mensaxes clave aos compradores de leite en Galicia. En primeiro lugar, José González dixo non compartir, “en absoluto”, as análises da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), que sinalaron aos prezos actuais do produto en orixe como un suposto lastre da competitividade da industria.
Fronte a isto, asegurou que o que verdadeiramente lastraría ao sector lácteo sería a escaseza de gandeiros e de produto. Un prezo do leite que cubra os custos de produción e a rendibilidade necesaria é fundamental, remarcou o conselleiro, “porque os gandeiros son como calquera outro empresario”.
Seguindo esta liña, explicou que, precisamente grazas á Estratexia de dinamización do sector lácteo cóntase coa ferramenta Contaláctea, que permite ter datos fidedignos dos custos de produción e corrobora que, no caso de que os prezos do leite sigan baixando, os gandeiros galegos verianse abocados a unha situación de perdas “que non se pode asumir”.
Referiuse tamén á importancia dunha estabilidade dos prezos a longo prazo. Advertiu que dita estabilidade en prezos e beneficios é esencial para asegurar a sustentabilidade do lácteo e para garantir a remuda xeracional no agro galego. Algo que -dixo- se lle traslada unha vez máis á industria, para insistir en que só cun reparto equitativo dos beneficios entre todos os axentes é posible asegurar esa estabilidade.
Rendibilidade das explotacións
Por todo isto, o titular de Medio Rural fixo de novo unha chamada á responsabilidade e á unión de todos os axentes -gandeiros, distribución e industria-, definindo ese acordo de fondo como clave para garantir a sustentabilidade do sector. Neste mesmo sentido, invitou á Organización Interprofesional Láctea (Inlac) a elaborar unha campaña publicitaria para fomentar o consumo de leite con orixe español, “leite que defenda os intereses dos nosos gandeiros”.
O conselleiro puxo hoxe en valor o feito de que o lácteo galego non deixa de medrar en produción nos últimos anos, amosando unha extraordinaria profesionalidade e competitividade. Así, indicou, Galicia conta con explotacións cada vez máis competitivas, concentradas e de maior tamaño, sendo a CCAA española na que máis medrou a produción.
Labor da Xunta
Para conseguir estes avances, José González salientou o labor da Xunta, mediante iniciativas como a Estratexia de dinamización do sector, que -valorou- “está dando os seus froitos”. Así, engadiu que esta planificación permitiu, entre outras cousas, que se incremente progresivamente o leite transformado en Galicia e tamén que mellorara a posición negociadora dos gandeiros.
Na mesma dirección, o conselleiro trasladou tamén que o Goberno galego xestiona diferentes liñas de axudas que redundan na mellora da competitividade do sector. Axudas para os gandeiros, -entre as que salientan as da PAC ou as de mellora de explotacións e agricultores mozos-, pero tamén para as industrias, como son as destinadas á mellora das súas instalacións de transformación.
Neste sentido, lembrou que a Xunta achega anualmente máis de 100 millóns de euros ao sector leiteiro galego no seu conxunto, o que amosa o seu firme compromiso con este sector clave do rural galego. Unha aposta que, explicou, tamén se plasma no desenvolvemento da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, enfocada, entre outros obxectivos, a dotar de base territorial suficiente ás explotacións, para mellorar a súa competitividade. Así, destacou que mediante os instrumentos desta lei e as parcelarias mobilizáronse xa arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia.