Os traballos atópanse xa en fase de licitación e contan co financiamento necesario para a súa execución dentro das próximas contas para o próximo ano
O titular de Mar, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e a xefa territorial da consellería, Mariña Gueimunde, explicou que para o 2024 se recolle unha partida de 625.000 euros destinada á execución das obras de ampliación das instalacións do porto de Celeiro. Os traballos permitirán ampliar 70 novas prazas de amarre no porto. Esta actuación atópase a día de hoxe en licitación e conta co orzamento para a súa execución no vindeiro exercicio.
Este proxecto consiste na instalación de novas prazas de atraque mediante pantaláns flotantes e a recolocación dun dos pantaláns deportivos existentes, para cubrir as necesidades de toda a frota profesional (3ª lista) e de recreo (7ª lista) existente. Para a 3ª contémplanse 18 novas prazas de esloras entre 8 e 14 metros e para a 7ª lista, 52 prazas de 6 metros de eslora.
Alfonso Villares informou tamén de que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano recollen, así mesmo, unha partida de 30.000 euros para a tramitación previa do proxecto de ampliación do dique de abrigo de Celeiro. Esta actuación, cun importe plurianual estimado de un millón de euros, atópase en tramitación ambiental e administrativa para formalizar a adscrición de terreos necesaria, un trámite que depende do Goberno central.
Finalmente, durante a súa visita a Viveiro, o conselleiro visitou tamén a nave de redes, en cuxa rehabilitación Portos de Galicia investiu preto de 400.000 euros co obxectivo de adaptala aos novos usos actuais. Tamén comprobou a finalización dos traballos do edificio náutico pesqueiro, executados pola Confraría con fondos do FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) xestionados pola Consellería do Mar.
Catro millóns para A Mariña
Alfonso Villares destacou no encontro co sector marítimo-portuario de Viveiro o forte esforzo investidor que Portos de Galicia ten previsto para as dársenas da Mariña lucense. O titular de Mar explicou que os Orzamentos 2024 contemplan investimentos nun total de sete actuacións portuarias na Mariña de Lugo que supoñen unha anualidade global de 4 millóns de euros para o 2024 e cuxo importe global das obras previstas (con financiación plurianual) ascende a 14 millóns.
Así, detallou que a Xunta prevé investir nas obras de reforzo do abrigo e a ampliación das instalacións para embarcacións menores en Celeiro, o acondicionamento de locais en San Cibrao, o reforzo do abrigo de Burela, a mellora de abrigo en Morás, a remodelación da dársena de Foz e a dragaxe do peirao de Ribadeo.
O conxunto dos Orzamentos 2024 da Xunta de Galicia superarán os 13.250 millóns de euros e son tanto os máis altos da historia como os primeiros en 16 anos que evitan ter que acudir ao endebedamento. Reforzan as rebaixas fiscais para os contribuíntes galegos ao mesmo tempo que destinan o gasto social máis alto que se teña desembolsado, próximo aos dez mil millóns de euros, destinando, ademais, 2.800 millóns de euros a investimentos. De feito, a provincia de Lugo será a que maior investimento por habitante reciba, con 5.568 euros per cápita, dentro da aposta do Goberno galego por favorecer o equilibrio territorial entre as provincias atlánticas as orientais.