Viveiro, 7 de outubro de 2023. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe no acto de conmemoración do centenario da Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro, onde enxalzou o compromiso e os 100 anos de traballo do pósito viveirense en defensa dos profesionais do sector e do porvir da súa actividade. Louvou a traxectoria da confraría máis antiga da provincia de Lugo e o labor dos 18 patróns maiores que van desde o primeiro en 1923, Bonifacio Cora, Pañoletas, nunha conmemoración na que se descubriu un cadro seu e doutros catro destes profesionais que lideraron a confraría e que realizou o artista local Roque B. Fanego.
O titular do Mar destacou a contribución destes colectivos de profesionais do mundo da pesca e do marisqueo para mellorar e facilitar a vida diaria dos traballadores vencellados co mar, coa actividade extractiva e cos portos. Ofreceu aos responsables da confraría que lidera nos últimos 18 anos Domingo Rey Seijas un diálogo pleno e o compromiso da Xunta de poñer en marcha políticas que contribúan a garantir o futuro do sector marítimo-pesqueiro galego e a superar os retos aos que se enfronta.