O gasto per cápita nas provincias de Lugo (5.568€) e Ourense (5.409€) mantense por riba do da Coruña (4.157€) e Pontevedra (4.031€)
Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, o máis alto da historia, e que foi entregado hoxe no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.
Os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta prefire deixar de ingresar para que revertan principalmente ás familias e aos fogares. Ademais, esa cifra ten unha compoñente cualitativa moi relevante, pois case o 90% destes beneficios fiscais son de carácter social.
En canto á distribución territorial, os Orzamentos da Xunta para 2024 volverán potenciar o reequilibrio territorial polo que o maior gasto por habitante volverá producirse nas provincias orientais: Lugo, onde a Xunta destinará 5.568 euros per cápita, e Ourense, con 5.409 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas A Coruña recibirá 4.157 euros per cápita e Pontevedra 4.031 euros por habitante. Respecto ao volume de gasto, as provincias que reciben maior volume de gasto son A Coruña e Pontevedra, con 4.664M€ e 3.803M€, respectivamente, mentres que a provincia de Lugo recibirá 1.804 millóns, e a de Ourense, 1.644 millóns de euros.
Estabilidade, persoas e futuro
Os orzamentos de 2024 teñen o obxectivo de investir en estabilidade, investir nas persoas, e de investir no futuro, e todo iso sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos.
Así, os presupostos do ano que vén invisten en estabilidade cunhas finanzas solventes, que non xeran débeda e que consolidan os beneficios fiscais aos galegos e ás galegas para ser unha das comunidades cun mellor tratamento ás rendas medias e baixas.
En segundo lugar, invisten nas persoas para reforzar os servizos públicos autonómicos e reforzar tamén o apoio aos galegos e galegas que máis o precisan; apostan pola modernización do servizo de saúde; a inclusión de novas prestacións; o reforzo dos servizos sociais, en especial a atención aos maiores; reforzan o apoio ás familias e as políticas de vivenda; e impulsan medidas de integración no mercado de traballo e loita contra a exclusión.
E, en terceiro lugar, son unhas contas que invisten no futuro, que sentarán as bases do crecemento e do emprego futuros, fomentando o desenvolvemento dos proxectos transformadores que Galicia está a impulsar para a transición dixital, ecolóxica e enerxética, aproveitando os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Priorízase o gasto social
Estes presupostos reforzan un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego. Así, as contas inclúen o maior gasto social da historia de Galicia que ascende a 9.774 millóns de euros para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego.
Por departamentos, todas as consellerías terán máis recursos no ano 2024. O maior incremento prodúcese na Consellería de Sanidade con 218,6M€ millóns e chega aos 5.191M€; a continuación sitúase a Consellería de Política Social e Xuventude cun aumento de 128,1M€ ata acadar os 1.206M€, e logo a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades cun incremento de 81,7 millóns de euros que acada os 2.976M€.
Por tanto, as tres consellerías que acaparan a maioría do gasto social concentran máis do 78% do incremento do orzamento das Consellerías. Dito doutra maneira, case catro de cada cinco euros de aumento orzamentario vai destinado a Sanidade, Educación e Políticas Sociais.
Política fiscal e novas rebaixas de impostos
En materia de política fiscal, a Xunta conta cun modelo fiscal propio e previsible, que inclúe rebaixas tributarias que priorizan cada ano ás rendas medias e baixas e con colectivos prioritarios: os mozos e mozas menores de 36 anos; as familias numerosas; as persoas con discapacidade ou as vítimas de violencia de xénero. Os orzamentos do ano que vén consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento.
Como novidades, na declaración do IRPF do ano 2024 as familias con dous fillos xa poderán deducir 250€, dedución que ata agora tiñan as familias numerosas e que agora se duplica, ata os 500€. Ademais, por cada fillo a maiores, a partir de tres, esta dedución, incrementarase noutros 250€.
En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), o vindeiro ano rebáixase un punto o tipo xeral para a compra de inmobles usados (pasa do 9% ao 8%), que se suma a outro punto que xa se baixara no ano 2022; rebáixase máis da metade o ITP para a compra de vehículos usados (do 8 ao 3%), e elimínase o imposto para as compras de vehículos cualificados de ‘baixas emisións’.
Compromiso coas entidades locais e as universidades
O ano que vén a Xunta fará un importante esforzo orzamentario co financiamento dos concellos que chegará aos 602M€, o que supón un crecemento do 6,7% con respecto a este ano (38M€ máis) e case 200 millóns de euros máis en relación a hai tres anos.
Tamén se reforza o compromiso do Goberno galego coas universidades galegas e presupóstase a terceira anualidade do Plan de Financiamento Universitario 2022-2026 que superará por primeira vez os 500M€, en concreto 508M€, que sumados ás achegas para infraestruturas universitarias, acadan os 518 millóns de euros.
En definitiva, son unhas contas con máis recursos ca nunca, que invisten en estabilidade cunhas finanzas solventes e que consolidan os beneficios fiscais para os galegos e as galegas; que invisten nas persoas co reforzo dos servizos públicos e o apoio aos que máis o precisan; e que invisten no futuro con investimentos produtivos en transición verde e dixital para sentar as bases do crecemento e do emprego futuros.