Site icon Crónica3.com A Mariña

A Sala municipal das Carboeiras foi este xoves o escenario do acto de difusión do programa Erasmus +

O acto estivo protagonizado polo relatos das persoas usuarias da asociación e do alumnado do instituto que compartiron esta experiencia integradora durante o mes de xullo en Italia

Cervo, 19 de outubro de 2023. A sala de exposición das Carboeiras, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, acolleu este mediodía o acto de difusión do programa Erasmus +, unha experiencia que compartiron o pasado mes de xullo persoas usuarias da asociación Saúde Mental A Mariña e alumnado do IES Monte Castelo de Burela, que participaron neste programa integrador que nesta ocasión se desenvolveu en Italia e tivo como duración unha semana.

No acto, no que participaron a rexedora, Dolores García Caramés, a Directora Técnica Xeral e o Presidente de Saúde Mental A Mariña, María José Nóvoa e Jorge Manchado, respectivamente, o coordinador dos programas Erasmus, Marcelino Luna, a directora do Ies Monte Castelo, María del Carmen Naveira, ou o xefe territorial de Política Social da Xunta de Galicia, Javier Vázquez Nodal, entre outros asistentes, tiveron un protagonismo absoluto, sen dúbida, os mozos e mozas que participaron na experiencia Erasmus + como son Damián, Rebeca, Alin, Jorge, Ángela e Candela que desfrutaron desta viaxe xuntos/as, co apoio do Concello de Cervo, entendendo que é unha oportunidade única para ampliar fronteiras e contribuír ao seu crecemento persoal.

Na súa intervención a rexedora precisou que “é un auténtico orgullo para o Concello de Cervo poder acoller hoxe este bonito encontro co obxectivo de dar a coñecer esta experiencia Erasmus +, que me consta que foi moi enriquecedora para todas as persoas, usuarios da asociación Sáude Mental A Mariña e alumnado do IES Monte Castelo de Burela, que compartiron esta viaxe a Italia o pasado mes de xullo”.

Desde o Concello de Cervo –engadiu- “estamos sempre á vosa disposición para aportar o noso grao de area para que estes proxectos tan bonitos se poidan materializar, porque son unha oportunidade única para que os rapaces amplíen fronteiras e que son tamén moi importantes para o seu desenvolvemento persoal”.

García Caramés puxo en valor “a colaboración institucional que permitiu xuntar neste proxecto a excelencia educativa, coa excelencia asistencial e terapéutica en prol das persoas con doenzas de saúde mental” e da súa integración real na comunidade, o que é un tándem perfecto.

A rexedora rematou a súa intervención dándolle os parabéns a todos os axentes implicados no proxecto, “que estou segura que terá moito futuro”.

Exit mobile version