Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco proxecta este venres en Foz un documental sobre a loita contra central nuclear de Xove

Foz, 2 de outubro, 2023. A asociación cultural A Pomba do Arco presenta o vindeiro venres 6 de outubro o filme documental Xove, democracia nuclear. A obra, que recolle a loita dos veciños da Mariña contra a central nuclear de Xove na década dos anos 70, proxéctase as 20:00 h no salón de actos do Cenima de Foz.

Xove, democracia nuclear é un filme dirixido polo xornalista leonés Pedro Lechuga Mallo e nel participaron diversos veciños da comarca que xogaron un papel importante na oposición a central nuclear. Un deles, Francisco Luís Rodríguez Guerreiro explicará ao comezo do acto como se librou aquela loita e cales foron as razóns que levaron á veciñanza da comarca a rexeitar o proxecto.

A loita contra o proxecto de central nuclear de Xove arrancou en novemebro de 1973. Naquela altura, un consorcio conformado por Fenosa, Electra del Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico fai pública a súa decisión de instalar na Regodela (Xove) unha centra nuclear. O proxecto, asociado a un investimento de 68.000 millóns de pesetas da época, tentaba poñer en marcha catro reactores que ían producir 3.600 megavatios, nun momento que Galiza destinaba o 60% da súa produción enerxética á exportación.

A oposición ao proxecto arrancou daquelas mesmas datas. O propio mes de novembro de 1973, o Clube Cultural Valle Inclán, na altura orientado por cadros da UPG como Lois Diéguez, Francisco Luís Rodríguez Guerreiro ou Carlos Varela, organiza un mesa redonda en Lugo coa presenza de Xosé Manuel Beiras para explicar os problemas da central nuclear.

Unhas semanas mais tarde, outra asociación cultural vinculada ao nacionalismo, Sementeira, promove un acto informativo en Viveiro, onde participan centos de veciñas da comarca. A partir deste momento, a loita contra a central de Xove convertese nun tema central no día a día dos mariñáns.

Os dous grandes fitos do movemento antinuclear desenvolveranse en 1977 e 1979. O 10 de abril de 1977, 8.000 persoas convocadas polas Comisións Labregas partiron de Viveiro, rematando tres horas despois na parroquia de Lago, en Xove. Alí, no adro da parroquia, tomaron a palabra Manuel Barbeito, veciño das Encrobas que expresou a solidariedade desta localidade coa loita de Xove; Antonio Pernas, membro das Comisións Labregas de Xove; Emilio López Pérez “Milucho”, dirixente das Comisións Labregas, e Ramón Valcarce Vega, o crego das Encrobas.

O 20 de maio de 1979, 8000 persoas, convocadas, nesta ocasión, pola Asemblea Nacional-Popular Galega, camiñan durante dúas horas, baixa unha intensa choiva, desde Viveiro até Xove para expresar o seu rexeitamento a central nuclear. A manifestación remataría na praia do Esteiro, onde tomaron a palabra, entre outros, Lois Diéguez, portavoz da organización convocante, Bautista Álvarez, presidente da UPG que coa AN-PG conformaban o Bloque Nacional-Popular Galego, ou Néstor Rego, representante de ERGA.

A Pomba do Arco pretende coa proxección deste documental continuar na súa labor de divulgación da memoria histórica da Mariña. Neste caso, dunha época, relativamente, próxima en termos históricos, mais que chave para entender a nosa realidade actual.

Exit mobile version