Site icon Crónica3.com A Mariña

A piscina olímpica municipal de Cervo comeza a tempada con 230 cursillistas e 870 socixs, superando así o número de usuarixs do ano anterior

O Concello de Cervo fixo un importante esforzo inversor para mellorar a instalación xa que neste último ano destináronse máis de 30.000 euros para a renovación integral do ximnasio

Cervo, outubro 2023. A piscina municipal arrinca a tempada coa asistencia de 230 cursillistas, medio cento máis que o ano anterior.

Son datos que deron a coñecer a rexedora, Dolores García Caramés, e o edil de Deportes, David Rodríguez, durante a visita que fixeron á instalación na que compartiron un anaco coas crianzas que asisten ao curso para nenos/as de 3 anos, que comezou este pasado venres, e que foi novidade dentro da programación da instalación xa que “a filosofía do Concello de Cervo é promover a práctica deportiva no seu conxunto desde as idades máis temperás”, sinalaron.

Ademais, impártense clases de aquagym, e cursos para adultos e crianzas, nos diferentes niveis, desde iniciación a perfeccionamento.

Caramés afondou así mesmo no incremento do número de socios da piscina que se sitúa nos 870 “incrementamos en 60 o número de afiliados este ano o que é un bo síntoma da calidade da instalación que temos o privilexio de ter en Cervo e que é a única na provincia destas características”.

A rexedora tamén quixo poñer en valor o traballo dos profesionais municipais que se encargan de velar pola seguridade dos bañistas e de impartir os diferentes cursos “cuxo traballo é fundamental para garantir o bo funcionamento da nosa instalación que ano tras ano suma novas persoas usuarias que elixen a nosa piscina para practicar deporte”.

Pola súa banda o edil de Deportes, recordou o importante investimento que se fixo este ano na instalación “coa renovación integral do ximnasio, que supuxo un investimento de máis de 30.000 euros, todos eles procedentes das arcas municipais”. En concreto, renovouse a maquinaria de cardio e reforzouse e mellorouse o material e equipamento de musculación.

Exit mobile version