O Salón de Actos de San Marcos acolleu este venres a asemblea xeral extraordinaria 2023 de Lugomadera, da que saíu elixida como nova presidenta Mari Carmen Gayoso Montenegro, a primeira muller á fronte do colectivo empresarial
García Porto felicitou á nova presidenta elixida, Mari Carmen Gayoso Montenegro, quen será a primeira muller á fronte do colectivo. A Deputada aproveitou o encontro para amosar o apoio da Deputación ao sector, á vez que reivindicou un sector madeireiro “forte, moderno e que xere emprego de calidade”. Un sector, dixo, que converta a madeira “en fonte de riqueza e de desenvolvemento do noso rural, e que aproveite o potencial dos nosos montes. En definitiva, un sector forestal puxante que axude a frear a perda de poboación, sexa capaz de atraer empresas e ofreza á mocidade a oportunidade de traballar no rural”. Este é “o modelo de desenvolvemento polo que apostamos dende a Deputación de Lugo. Un desenvolvemento sostible, que aproveite os extraordinarios recursos cos que contamos para xerar riqueza. Por iso, o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente ao sector primario, é unha das liñas prioritarias da nosa acción de Goberno, sempre dentro dos recursos dispoñibles e das competencias que temos as administracións locais”, argumentou a Voceira.