Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación logra renovar por 10 anos máis a declaración da Reserva da Biosfera Terras do Miño

A decisión “avala a xestión que fixemos ata o momento na Deputación e supón un novo impulso para continuar adiante coas nosas políticas públicas para coidar os inmensos recursos naturais da nosa provincia e aproveitalos para favorecer un desenvolvemento social e económico de maneira sostible”

Lugo, 13 de outubro de 2023. A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, anunciou este venres na rolda de prensa posterior á reunión semanal de Xunta de Goberno que a Deputación logrou renovar por dez anos máis a declaración da Reserva da Biosfera Terras do Miño, a primeira que se recoñeceu en Galicia –no ano 2002-, a máis extensa da comunidade autónoma e a segunda de toda España, e a única da Península Ibérica que alberga no seu territorio unha capital de provincia.

“Conseguimos o preceptivo informe positivo por parte do Consello Científico do Comité Español do Programa MaB da UNESCO, un órgano dependente do Goberno do Estado que está formado por 22 científicos de universidades ou centros de investigación. Este informe será ratificado pola UNESCO previsiblemente a mediados do vindeiro ano”, explicou García Porto.

A avaliación realizada “recoñece o compromiso e o traballo” da Deputación de Lugo “en favor da preservación, da posta en valor e do desenvolvemento sostible deste territorio” a través dos plans de xestión aprobados e acometidos pola institución, algo que fai, ademais, “da man dos concellos e dos axentes sociais e económicos que forman parte da Reserva” a través dos órganos de xestión e de participación, subliñou a Deputada.

De feito, argumentou, o informe elaborado polo Consello Científico do Programa MaB “destaca a posta en marcha dun gran número de actividades e iniciativas de conservación da biodiversidade e do patrimonio natural”, iniciativas como o programa Life in Common Land, levado a cabo con fondos europeos e en colaboración coas universidades de Santiago e A Coruña co obxectivo de favorecer o desenvolvemento sostible da Serra do Xistral, que forma parte da Reserva, así como “a implicación social dos veciños e veciñas dos 26 concellos” que integran Terras do Miño.

A decisión, recalcou a Voceira socialista do Goberno, “avala a xestión que fixemos ata o momento na Deputación e supón un novo impulso para continuar adiante coas nosas políticas públicas para coidar os inmensos recursos naturais cos que contamos na nosa provincia e aproveitalos para favorecer un desenvolvemento social e económico de maneira sostible”.

Granxa Gayoso Castro

Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación dun contrato para a prestación do servizo de mantemento e reparación do equipamento do robot de muxido da Granxa Experimental de Leite que a institución provincial ten en marcha nas instalacións de Gayoso Castro, en Castro de Rei, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

García Porto indicou que o contrato ascende a 40.820,58€ anuais, e ten unha duración de un ano, con posibilidade de prórroga por outros tres. O contrato, asegurou, permite “garantir o normal funcionamento da Granxa Experimental de Leite, un centro pioneiro en Galicia, pois é o primeiro público na comunidade autónoma que une formación e investigación universitarias sobre o sector lácteo para poñelas ao servizo dos gandeiros e gandeiras”.

Recordou que a Granxa cubre unha parte moi importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, “o que supón un engadido de calidade na formación do alumnado porque fai prácticas nun laboratorio vivo. Cada ano fórmanse nestas instalacións da Deputación de Lugo 500 alumnos e alumnas do Grao de Veterinaria”.

A Granxa Experimental de Leite e o conxunto das instalacións que a institución provincial ten en Gayoso Castro, onde se desenvolve ademais actividade de recría de gando vacún de leite e de Raza Rubia Galega, “son un auténtico referente en canto a iniciativas públicas en apoio das explotacións gandeiras, e constitúen un dos piares máis importantes do respaldo que prestamos dende a Deputación de Lugo ao sector primario como un motor fundamental para a economía da nosa provincia”, subliñou a Deputada.

Exit mobile version