En total, son máis de 100 hectáreas nos concellos da Pontenova, Meira, Antas de Ulla, Barreiros, Chantada, Friol, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Lugo, O Incio, Navia de Suarna, O Saviñao, Paradela, A Pastoriza, Portomarín, Sober, O Corgo, Rábade e Quiroga
Lugo, 27 de outubro de 2023. A Deputación de Lugo vén de aprobar a modificación do encargo da Deputación de Lugo a Tragsa para a conservación e mantemento das zonas verdes públicas de titularidade provincial. Así o anunciou este venres a Voceira socialista, Pilar García Porto, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que informou que co cambio acordado a institución provincial amplía o investimento a 920.000€ -70.000€ máis que en anualidades anteriores- e amplía os espazos públicos, incorporando o futuro Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, e unha parte do Parque do Rato, en Lugo.
Relatou García Porto que, desta forma, a Deputación faise cargo da conservación e mantemento dun total de 39 espazos verdes, que suman un extensión total de 103,59 hectáreas, e que están situados en 19 concellos da provincia: A Pontenova, Meira, Antas de Ulla, Barreiros, Chantada, Friol, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Lugo, O Incio, Navia de Suarna, O Saviñao, Paradela, A Pastoriza, Portomarín, Sober, O Corgo, Rábade e Quiroga.
Apuntou ademais a Voceira que a modificación inclúe melloras relacionadas coa xestión de residuos, renovación de maquinaria e pequeno material “que garanta o correcto funcionamento deste servizo”.
Lugo Termal
A Xunta de Goberno tamén aprobou a licitación do programa Lugo Termal, co que a institución provincial ofrece descontos aos veciños e veciñas de máis de 50 anos nos balnearios de Lugo, Pantón, Pambre e Guitiriz. Tal e como explicou a Deputada, “un paso máis para poder poñer en marcha unha nova edición a finais deste ano”.
Lembrou García Porto que esta tempada a Deputación potencia o programa de termalismo incrementando o investimento ata os 91.000€ e as prazas ata as 1.300, “máis das que ofrece a Xunta de Galicia para toda a comunidade, o que dá boa conta do compromiso e do esforzo que fai a Deputación de Lugo para sacar adiante esta iniciativa, que contribúe a mellorar o benestar social e, ao mesmo tempo, a dinamizar a economía vinculada ó turismo termal“.
Contrato para o subministro de gasóleo de calefacción
Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou a licitación por un importe de 90.000€ do contrato para o subministro de gasóleo C para a calefacción dos centros de traballo da institución provincial. A duración do contrato é dun ano, prorrogable por outro.